Venres. 29.03.2024
El tiempo
María José Mato
18:46
14/01/18

5 claves de márketing para triunfar en FITUR

5 claves de márketing para triunfar en FITUR
Boa acollida a presentacion trasna na FITUR Imaxe dunha posta en escena dunha proposta costeira na FITUR 2016

Chega o mes de xaneiro e con el a Feira Internacional de Turismo –FITUR- que se celebra en Madrid dende o ano 1980. A Costa da Morte, con maior ou menor representación dependendo do ano, colleu tamén a costume de estar presente alí.

Non é un logro para desprezar, pois durante anos FITUR foi considerada a segunda feira turística máis importante do mundo. E hoxe en día, sen ser o imperio que foi, continúa considerándose un escaparate internacional de marcado renome e transcendencia para o sector.

Pero, unha cousa é ir, e outra cousa moi distinta é acadar resultados que podamos cuantificar coma obxectivamente positivos. Para entendernos, é importante estar, pero é infinitamente máis importante provocar intercambios que favorezan o “retorno da inversión” e provoquen ganancias colectivas.

Para conseguilo, a continuación veremos 5 claves básicas de márketing, moi útiles para planificar con éxito a participación da Costa da Morte nesta feira internacional.

  • BUSCAR A IMAXE

No mundo hai multitude de destinos turísticos. Algúns deles estarán en FITUR, pero os realmente triunfadores atraparán ó público con unha soa imaxe.

Pensemos por exemplo en destinos consolidados coma París, as Maldivas, ou Exipto. Que imaxe se debuxa na nosa mente ó pronunciar esas palabras? Seguramente sexan a Torre Eiffel, as praias paradisíacas, e as pirámides. Obviamente, non tería sentido que calquera deses destinos omitise esas imaxes nas súas estratexias de promoción.

Polo tanto, para ir a FITUR hai que buscar unha imaxe única, que converta á Costa da Morte nun destino de éxito. E esa imaxe ten que ser representativa, impactante, perdurable no tempo, e desexable para o turista.

  • BUSCAR A EMOCIÓN

Está amplamente estudado o poder que teñen as emocións sobre o comportamento das persoas. As sensacións que nos motivan, que nos impulsan a facer -ou non facer- algo, e que nos crean un vínculo emocional, son hoxe en día ferramentas indispensables nas estratexias de márketing dos destinos.

Volvendo ós exemplos anteriores, é moi probable que as pirámides de Exipto nos provoquen admiración, a Torre Eiffel nos faga pensar no amor, e as praias das Maldivas nos transmitan serenidade.

É dicir, hai que buscar a emoción da Costa da Morte e potenciala en FITUR a través dos cinco sentidos, con imaxes, sons, ulidos, degustacións, e texturas.

  • BUSCAR O SLOGAN

A imaxe e a emoción teñen que sustentarse nunha mensaxe, e para acudir a FITUR nada mellor que facer uso dunha frase breve que resalte un valor particular da Costa da Morte.

O slogan ten que ser acorde coa imaxe e coa emoción, para formar un conxunto que resulte totalmente crible.

Do mesmo xeito, hai que prestar especial atención ás presentacións institucionais e ós materiais de promoción que se difundan na feira. De feito, é altamente desaconsellable a presentación dun destino sen contidos claros e sen estratexia uniforme.

Ademais, a experiencia demostra que as accións localistas soamente lles interesan ás comitivas de acompañantes dos propios concellos. E a FITUR, recordemos, hai que asistir coa idea de promover intercambios que favorezan o “retorno da inversión”, e provoquen ganancias colectivas para toda a Costa da Morte. Polo tanto, fóra localismos.

  • BUSCAR O PÚBLICO OBXECTIVO

Por evidente que pareza, hai que saber a quen dirixirse en FITUR. Se non está claro quen é o público obxectivo, é doado acabar á deriva, perdidos nunha feira inmensa repleta de destinos ben posicionados.

No contexto profesional, o máis práctico é deseñar con antelación unha axenda meticulosa que promova intercambios con axencias de viaxes, touroperadores, blogueiros, institucións, etc. O obxectivo é conseguir clientes que se adapten á nosa imaxe, á nosa emoción, e ó noso slogan.

Por outro lado, hai que tratar de captar a atención de milleiros de persoas que pasan pola feira. Poden ser turistas potenciais, ou persoas que xa nos visitaron, co cal hai que prever accións tanto de captación coma de fidelización da demanda.

  • BUSCAR A DIFERENCIACIÓN

Hai quen pensa que a Costa da Morte goza de atributos que a fan tan especial, tan diferente, e tan única, que se vende sola. Pero, en realidade, FITUR é unha feira internacional inmensa, chea de pavillóns distribuídos por continentes e por países, en medio dos cales a Costa da Morte é vista coma un punto indeterminado no mundo.

E nese mundo, tan grande, tan espectacular, e tan atractivo, os destinos que aposten pola diferenciación non soamente conseguirán sobrevivir con éxito, tamén ofrecerán algo único que será valorado e recordado polo público. Así que nada de copiar. En cuestión de feiras e turismo, coma en case todo na vida, o que triunfa é o diferente.

https://youtu.be/NtodwxFxwu4
  • María José Mato Figueiras. Guía oficial de turismo. Especialista en planificación e xestión de destinos turísticos, cun mestrado en Investigación Turística.
 

Novas relacionadas

 

Artigos de María José Mato

Fonte

Comentarios