Venres. 19.04.2024
El tiempo
Marisol Soneira
08:29
21/01/19

A lingua nai ou como sacar a lingua a pacer

A lingua nai ou como sacar a lingua a pacer
A lingua nai é a lingua que oímos por primeira vez. A lingua dos afectos entre pais e fillos, entre irmáns, entre un avó ou unha avoa cos seus netos. A lingua nai é na que pensamos e a que recorremos cando, de xeito inconsciente, se nos escapa unha expresión de alegría ou de dor. Claro que hai xente tan fora da realidade que pensa que a lingua nai é aquela que ten el e que a dos demais non ten nai nin pai nin familia. E, ademais, está convencido que para ser un bo español é condición indispensable falar a súa lingua nai, que por suposto é o castelán, en todo momento e lugar. Nestes días un señor que non ten nin idea do que é unha lingua nai, chegou a afirmar que en Galicia vivíamos nun ghetto lingüístico onde o galego era imposto, manu militari, a tódolos cidadáns. Sorprendente. Mais sorprendente, si cabe, cando todo o mundo sabe que en Galicia calquera pode vivir permanentemente usando o castelán pero que na práctica, é imposible vivir permanentemente en galego. Para este home todo español ten que falar exclusivamente en castelán e, supoño, que ten que practicar a relixión católica, gustarlle as corridas de touros, a caza, as procesións de Semana Santa e, por suposto, o flamenco e tódolos tópicos que o franquismo meteu na súa mente reaccionaria. Miña nai nunca falou castelán. Nunca oín a meus pais falar castelán entre si nin na súa relación cos seus fillos e netos. A practica totalidade do meu entorno e da sociedade na que vivo solo utiliza o galego como expresión oral... e case ninguén é un nacionalista furibundo e excluínte. E, si alguén lle pregunta a miña nai si se sinte mais galega que española, polo simple feito de falar exclusivamente en galego, estou segura de que pensa que, quen tal pregunta, non é ben acabado. Porque ser un bo español non pode depender do idioma no que te expreses. Si fose así os xordomudos non serían españoles. Neste país noso hai varios millóns de persoas que temos por lingua nai un idioma distinto do castelán e facemos o esforzo, que a lo menos a min non me pesa nada, de aprender outra lingua a que acabamos considerando, a lo menos no meu caso, tamén nosa. E facémolo porque, entre outras cousas, iso permítenos relacionarnos con moitos mais millóns de persoas e porque, ademais, así no lo esixe a Lei Máxima española. Pero esa mesma constitución recoñece o meu dereito a expresarme e a dirixirme á administración, no territorio de Galicia, na miña lingua nai que non é o castelán se non o galego. Non por un capricho. Non porque eu sexa unha nacionalista excluínte, que non o son. Se non porque o galego é a miña lingua nai, a lingua dos meus afectos mais profundos, a lingua na que penso e soño, unha lingua anterior no tempo ao castelán e, pola súa proximidade ao portugués, unha lingua que nos permite comunicarnos con moitos millóns de persoas no mundo. Para os nacionalistas, tanto os centralistas como os periféricos, só hai unha bandeira, un idioma, unha realidade. A súa realidade. Pero a realidade cotián ten pouco que ver con iso. Para miña nai o seu xeito de ser española é ser galega, é respirar o salseiro do vendaval ou o arrecendo das carrascas no verán, de ver como o sol se agocha detrás do Vilán nun atardecer, ou como o brua o nordés contra os cantís da Pedrosa modelando formas inverosímiles nas rochas milenarias. E, por suposto, expresar todo isto na súa lingua nai: o galego. Claro que, para o Secretario Xeral de VOX, miña nai debe ser moi pouco española porque ten o pecado orixinal de ter por lingua nai un idioma distinto do españolísimo castelán.
  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

Outros artigos de Marisol Soneira

https://quepasanacosta.gal/vox-unha-verdade-incomoda/

Comentarios