Martes. 19.03.2024
El tiempo
Miro Villar
12:31
11/07/19

No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente

No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente

Abente-OdiputadoporVeiramar

Gonzalo Lopez Abente

O escritor muxián Gonzalo López Abente (1878-1963) acadou moita consideración e sona como autor literario desde a segunda década do século XX. Tanto é así que no ano 1914, na primeira época da revista Vida Gallega, nunha sección chamada "La cultura en nuestros pueblos" adicada a Muxía, xa se fai referencia ao seu estro e aparece nunha fotografía co seguinte pé "Avogado e Xuíz Municipal", aínda que cos datos que coñecemos até hoxe non exerceu de avogado colexiado e foi xuíz municipal suplente en viversos períodos da historia muxiá.

A prensa recolle a súa participación o día 11 de marzo de 1917 no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, ao que acode en representación da familia, xunto a Balboa e a Lastres, e presidindo o duelo xunto aos representantes da Real Aacademia Galega, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco canda as autoridades municipais en pleno co alcalde, Manuel Casás, á cabeza da comitiva.

En decembro de 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título que forma parte dos materiais expostos na Casa das Beiras, sé da Fundación que leva o nome do poeta, e que di textualmente: “Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919”. Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.

Nesa altura participou de modo activo nos movementos nacionalistas políticos e culturais do primeiro tercio do XX, uníndose á acta de constitución da "Hirmandá de Amigos da Fala" (A Coruña, 18 de maio de 1916) e colaborando desde os primeiros números no seu órgano de expresión, a revista A Nosa Terra, que nacera o 14 de agosto de 1907 en Ourense para se converter despois en voceiro do galeguismo. Abente representou á Costa da Morte nas Asembleas Nazonalistas, de feito aparece como asinante das conclusións da I Asemblea (Lugo, 17 e 18 de novembro de 1918) na que se acorda traballar pola oficialización do galego e a organización de España coma un estado federal, e nas publicacións nacionalistas da época aparece como representante en Muxía da Irmandade Nazonalista Galega (ING) constituída en 1922.

E nesa década frutífera a súa obra literaria, alén de numerosos poemas espallados en revistas e xornais, publicou dous libros de poemas Escumas da ribeira (1911?) e Alento da raza (1917?) e as novelas O diputado por Beiramar (1919), O escándalo (1920) e O novo xuez (1922).

Precisamente este mes de xullo conmemoramos o centenario da publicación da súa primeira novela curta O diputado por Beiramar (1919), que obtivera o primeiro premio do Certame de Narrativa convocado pola publicación galeguista A Nosa Terra.

O investigador Ernesto Vázquez Sousa no volume A Fouce, o Hórreo e o Prelo: Ánxel Casal e o libro galego (Sada: Edicións do Castro, 2003) sinala que as bases do certame foron publicitadas en varios medios en setembro de 1918, con convocatorias para obras teatrais, novelas e poemas. Na categoría de novelas presentáronse oito textos baixo lema, o escollido por López Abente foi o de “Breogán”. Formaban o xurado Florencio Vaamonde, Victorino Veiga, Bernardino Varela, Fernando Ossorio, Xoán Viqueira, Xaime Quintanilla, Victoriano Taibo e Ramón Villar Ponte, director de A Nosa Terra.

A novela premiada foi publicada como primeiro volume da “Bibrioteca Galeguista” das Irmandades da Fala no mes de xullo de 1919, polo que conmemoramos o seu centenario.A Narrativa Marina de Lopez Abente

Desde maio de 2012 dispoñemos dunha edición anotada da man do profesor Xesús Sambade Soneira na colección «Biblioteca das Letras Galegas» de Edicións Xerais, no volume intitulado A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, na que edita xunto a O diputado por Beiramar (topónimo ficcional que se actualizou, xa que Abente escribía Veiramar) outras tres novelas súas posteriores: O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926). Pódese atopar aínda nas nosas principais librarías e recomendamos a súa lectura coma homenaxe.

Finalmente, para un mellor coñecemento da novela curta O diputado por Beiramar reproducimos uns fragmentos da Introdución que escribiu Suso Sambade:

«O libro foi imprentado na colección BIBRIOTECA GALEGUISTA e leva un debuxo de Castelao na portada. A partir deste momento aparecerá publicidade da obra durante bastante tempo en ANT para a venda e fomentar a lectura en galego coa finalidade de dignificación da nosa lingua. Con ela queren superar a visión que se tiña na sociedade da prosa que se facía até aquel momento: “O diputado por Veiramar acabará, endebén, con ises contos e con isas novelas cheias de plebeismo que, millor intenzoadas que gráciles, donábanlle ó galego un senso dialectal aldraxante e tristeiro” (ANT, maio de 1919). A lingua galega xunto coa lingua portuguesa serven para a alta cultura “com´a do povo mais fino e esquisito do mundo, e non somente un mostrario de costumes rústicos, onde o pintoresco e o bárbaro camiñan sempre xuntos”, di no mesmo artigo. Continúa o crítico a situar a noveliña de López Abente como “novela iniciadora d´unha novelística galega esplendorosa”. 

Séguese facendo publicidade á noveliña en xullo de 1919 “Ista novela de Gonzalo López Abente é o primeiro ensayo da novela moderna que se fai en Galicia (...) o exemplo de GLA ten de atopar imitadores (...)”. En outubro do ano 1919 volve a facerse mención á noveliña “que está próxima a esgotarse”. Seguen insistindo que xunto coa noveliña de Vicente Risco que acababa de aparecer, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, “Ambas as dúas sinalan o camiño a seguire pol-os literatos enxebres novos”. 

Nunha síntese da obra sinala que “O diputado por Veiramar refrexa de xeito sinxelo y-ameno a comicidade chea de miserias da nosa política vilega (...) Logo os amores sensuaes d´Ampariño e os amores cheios d´ideialidade da dona de Romelle, eisí coma o remorso e o arrepintimento do marqués de Nemancos” (ANT, xullo de 1919) 

O recibimento dun deputado “cunero” ao seu distrito amparado polas forzas vivas locais (alcalde, xuíz, Garda Civil, curas e demais autoridades) e a presenza do campesiñado como comparsa, pero motivado pola situación de sometemento político. Só un zapateiro ácrata é quen de dar unha nota discordante ao acto. Logo nunha volta atrás no tempo (flash back) reconstrúe a vida do Marqués de Nemancos desde pequeno até chegar a ser elexido deputado: criado por unha tía e onde vive á beira do pazo de Romelle, onde vive María Asunción,o seu primeiro amor xuvenil. Logo vai estudar dereito a Madrid e como home rico farase un vividor e mullereiro até quedar atrapado nas redes de Amparo, moza sensual e libertina, que lle romperá o corazón. Esta, aburrida da vida de pracer e sensualidade da capital, casará cun viúvo de provincias. Marqués asqueado da vida, levarao á política. Con Amparo vólvese a encontrar na vila de Beiramar. 

A vida de “cunero” e o ambiente corrompido da política da Restauración é posta ao descuberta polo autor para reclamar unha política máis transparente e que sirva para enriquecer a Galicia e a España. O autor vai seguir os postulados que se propuxeron as Irmandades da Fala nun primeiro momento para dignificar o galego: a utilización da lingua nas capas altas da sociedade galega, neste caso a fidalguía dos pazos. (Ramón Cabanillas fixo o mesmo no seu drama A man da Santiña). Tamén hai un intento de atraer á fidalguía á causa galeguista. (Ramón Otero Pedrayo será quen mellor narre ese intento de personificar na fidalguía decadente a clase ideal galeguista nas súas narracións). 

Con esta noveliña, López Abente inicia unha serie de novelas nas que estará presente o amor. Neste caso hai un final feliz. Os fidalgos ámanse e van facer o ben pola súa terra. Cremos que hai un recordo da súa amada esposa ao coller o nome de Asunsión como dona do pazo de Romelle. (Da capital do Paraguai viñera a súa amada Balbina en 1907)».

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

Artigos sobre López Abente

Máis artigos de Miro Villar en QPC