Luns. 10.08.2020
El tiempo

«O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente

«O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente
O Pino de Corcubión aló polo 1927 nunha foto recuperada por Jano Lamas O Pino de Corcubión aló polo 1927 nunha foto recuperada por Jano Lamas

Ao fío do artigo publicado por Modesto García Quitáns no diario dixital Que pasa na Costa sobre a historia do antigo e desaparecido pino de Corcubión, que delimitaba os lindeiros dos territorios deste concello co veciño de Cee, lembraremos nesta anotación como esta árbore senlleira tamén pasou ao mundo da literatura e da poesía a través dos versos do muxián Gonzalo López Abente, quen aínda hoxe tería familiares da estirpe abentiana na vila corcubionesa.

A relación de López Abente con Corcubión tamén posúe unha vertente literaria. Sabemos que o seu primeiro poema (até hoxe coñecido) apareceu publicado postumamente dentro do libro Decrúa (1966) nun apartado final de «Recobrados», co título «Un velorio nunha aldea», datado en 1899, cando o poeta tiña 21 anos e aínda non estaba plenamente incorporado á escrita monolingüe en galego que o ía caracterizar andando o tempo.

Nesa altura, sobrancea a súa presenza habitual na prensa local e comarcal, nas páxinas dun xornal que tivo unha existencia efémera, El Celta de Corcubión, onde en 1901 xa publica artigos e poemas, aínda en castelán, e tamén nas de El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, xornal vencellado ao Partido Liberal e do que se conservan escasos números, que mesmo chegou a dirixir.

Anos despois, sendo xa o autor de dous libros éditos, publicou outro poema intitulado «Camiño da Terra» no xornal Nerio, ano II, nº 11. Corcubión, 1/VI/1921. E ao pouco tempo gañou cun longo poema que leva por título «Ara-Solis» un concurso literario na vila, pois así consta no mecanoscrito que nos facilitara no seu día o antropólogo muxián Manuel Vilar, onde sinala de maneira literal: «Primeir premio no Certamen / Literario celebrado en Corcubión / no mes de setembro de 1.921»

Desta época é a primeira versión do poema sobre o pino de Corcubión. Daquela aínda levaba por título «O pino derrubado» e apareceu reproducido en Nós. El Noroeste, A Coruña, 19 de novembro de 1918; en O Tío Marcos da Portela, Parrafeos c'o Pobo Gallego, Ourense, 43, 21 de novembro de 1918; e por último en A Nosa Terra, 73/74, 5 de decembro de 1918.

Con pequenas mudanzas o poeta recobrouno para ser publicado nunha revista que só tivo tres números e que creou o finado e chorado cronista ceés Baldomero Cores Trasmonte. Desta volta o poeta tamén muda o título por «O pino de Corcubión», Nemancos, Cee, 1, 1953. E nesta publicación afirma que se inspirou nunha crónica do propio Cores Trasmonte, cando a creación do poema viña de décadas atrás.

Finalmente, o texto tamén foi incorporado polo seu curmán Horacio Bermúdez Abente, emigrante na Arxentina, cando compilou textos dispersos do poeta muxián postumamente no volume Decrúa, que levaba por subtítulo Poemas e que apareceu nun selo editorial denominado Edicións Muxía en Buenos Aires e con datación no ano de 1966.

pino-de-corcubion-revista-villa-gallega-25-07-1924-copia O Pino de Corcubión na revista Villa Gallega no 1924

Velaquí a última e definitiva versión do poema «O pino de Corcubión»:

19

O PINO DE CORCUBIÓN

Inspirada nunha crónica de Cores Trasmonte.

¿Ulo o vedro piñeiro, o Patriarca das hostes rumorosas que bulen nas encostas bretemosas da nativa comarca?

O enfesto centinela, o inspirado cantor, o bardo vello que se ollaba no espello de cristal, nesta orela da ría meiga, transparente e mansa, para sempre descansa.

Hoube un machado forte; ¿de quen sería? hoube un beixo de morte, ¿quén o daría?

¡O vento...! ¡O vento...! din as raparigas que choran polo amado trovador. Nunha aperta axuntadas pola dôr quedan dúas amigas... —unha soia, galana e quisquilleira deitada na ribeira—.

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

comentarios