Efeméride: No 80 aniversario da publicación de «Na morte de Lexandro Bóveda» de Antón Zapata García
O 17 de agosto de 1936 pasaron polas armas tras unha fraude de Consello de Guerra a Alexandre Bóveda Iglesias, no Monte da Caeira (Concello de Poio). Pouco despois da derrota republicana na Guerra Civil Española, no exilio a Irmandade Galega (órgano político que substituíu ao Partido Galeguista), con Castelao á cabeza, instituíu esta data como Día dos Mártires Galegos, que tamén foi chamado Día da Galiza Mártir. Na actualidade varias entidades e algúns concellos programan actos na súa memoria, entre os que salientan os que realiza a Fundación Alexandre Bóveda.
E tal día coma hoxe, hai 80 anos, publicouse o primeiro poema en galego na súa memoria. Trátase de «Na morte de Lexandro Bóveda» do poeta laxés Antón Zapata García, autor ao que consagrei a miña Tese de Doutoramento onde escribín:
«A crueza da guerra civil española e, sobre todo, a represión desencadeada polos falanxistas en terras galegas serán decisivas para que o estro poético de Antón Zapata García se volva cada vez
máis comprometido. De feito, o seu poema Na morte de Lexandro Bóveda, publicado no Galicia o 27 de xuño de 1937, convértese na primeira composición en galego que evoca o asasinato do secretario de organización do Partido Galeguista».
En efecto, apareceu no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº 524, 27 de xuño de 1937. Publicouse precedido dun debuxo sen asinar (aínda que se atribúe a Castelao), que representa o rostro de Bóveda asasinado cunha bala na fronte. De aquí foi reproducido polo académico Xesús Alonso Montero, na Coroa poética para un mártir. 35 poemas á morte de Alexandre Bóveda (1936-1994). Vigo: Xerais, 1996. O profesor nas súas «Notas ós poemas», ademais da localización do texto e doutros datos de interese, sinala: «No verso 53 cítase, entre os asasinados, a Ánxel Fole, crenza moi estendida nestas datas». O poema de Antón Zapata tamén foi compilado por Fernández Rodríguez, Manuel (2006). Poemas pola memoria (1936-2006). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 93-96. Velaquí o texto ao completo:
Ilustración de Castelao para o poema Na morte de Lexandro BóvedaNA MORTE DE LEXANDRO BÓVEDA
Pra tí, Lexandro Bóveda —¡irmán escrarecido, vida próveda!—: Con requeimantes bágoas nos ollos e na dôr afundido, non encontro máis verbas no contido do noso craro idioma, que adouraste, (¡pra maldicer aqueles que os ferrollos de Galiza remachan noite e día, anque tí os perdoaste, porque eras nobre, bô e xeneroso!), que estas verbas: ¡Non son da nosa caste os lobicáns e os lobos da xauría que os dreitos arrasóu do povo noso e â túa intelixéncea aborrescía!… ¡Non é!, ¡non é! da nosa enxebre sangue a banda de traidores, malvados e asesiños que â nosa terra abrangue i-ôs seus máis caros fillos, guiadores, asesiñaron xunto ôs seus filliños —nas aldeias, nos montes e nos vales— i-ô pé dos seus maores ou xunto ôs seus igoales —d-abós e pais, d-irmáns ou da siñora—, e, por eles, agora, “A CAMPANA d-ANLLÓNS”, doída, tangue e a irmán, de BASTABALS, doída, chora! ¿Qué van ser irmáns, pra nós, os seres que trouxeron â moura moureiría —empúdeca, babeante, sin homía—, non respetando nenas nin mulleres?: ¡Galegos desleigados, sin concencia, que n-houberon cremencia pr-aqueles bôs irmáns das nosas almas, esgrevos lumiñals da nosa cencia e sopostallos lus das nosas artes das nosas forzas vivas —¡sinxelamente calmas!— asesiñados todos no CAMIÑO da REDENZON das LUCES RÊDIVIVAS, dos sagros balüartes da Sancta COMPOSTELA —¡Nova XERUSALEM tremente en palmas, procramada na voz da BERENGUELA!— e que se choran xá por todas partes, con fraternal cariño, por onde padricaron e, boandanzas, cantaron ô pé do Altar da Patria, car-ô Sole: Quintanilla, Casal, Díaz Baliño, Xan Carballeira, Casas, Lustres Rivas, Xosé A. Suárez Picallo, Anxel Fole e outros centos de irmáns non menos outos ô corazón que os chora xa finidos: ¡Co-as balas dos traidores furacados diante ô tráxico asombro dos petoutos e os “Queixumes dos Pinos” abraiados!, mouradores no ALEM, ¡non redimidos!, e que recraman, ¡forte!, ser vengados!…
Tí fóstel-o Moisés que abreu as fontes das riquezas da Nosa Nai Galega, hastra agora aldraxada, magöante: ¡Pol-os necios, pechándolle ourizontes; pol-os pillos, roubándolle a talega; e facéndoa, os caciques, emigrante!… ¡Tí fostes, bô Lexandro, o Xesucristo diante ô Abrente das luces do Dereito ensinando os Camiños da Verdade —¡car-a cara co-a lus da Dinidade!— e, por eisí aituar, teu nobre peito, aniñando tenruras, foi desfeito no crime mais atrós nos homes visto!…
Tí, como os Precursores, meresces os máis férvedos loubores. ¡No “Alem”, no “Mar dos Silenzosos”, na “Soidade”, onde mores, teral-o ben querer dos irmáns nosos! ¡Non-os chores, Lexandro, non-os chores na tráxica partida!: ¡Tí seral-o Druída oficiando no Altar do Sentimento!: —¡Por todol-os irmáns que nos mataron por amar o Galego Encumiamento que agora, como outrora, nos tallaron n-un crime xamáis visto!; mais, como Xesucristo, no triste camposanto… ¡¡terá Rexurdimento!!… ¡¡Santo!!… ¡¡Santo!!… ¡¡¡Santo!!!…
- Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
Artigos de Miro Villar en QPC
- Efeméride: No 64 aniversario do pasamento do poeta Antón Zapata García.
- Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche.
- Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte.
- «O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón.
- Paco Souto, in memoriam.
- Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- El Eco de Mugía (1902-1904). No 115 aniversario dunha cabeceira da prensa costeira
- “A relixión do mar”, de Xosé Iglesias Lamela.
- Efeméride: 120 anos do naufraxio do «City of Agra» e un poema de Antón Zapata García.
- “O pino de Corcubión”, un poema de López Abente.
- Nos 80 anos (1936-2016) dun decembro negro na Costa da Morte.
- O naufraxio do HMS Serpent na novela Cadeas (Premio Xerais 2013) de Xabier López.
- Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23/10/1898 – 1977).
- No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee.
- «A Virxe d’a Barca», un poema de Juan Bautista Armada Losada, Marqués de Figueroa editado en 1917.
- Coplas populares na nosa lingua no Programa de Festas de Cee, agosto de 1952.
- Adagio por outono.
- A xeira do Seminario de Estudos Galegos en 1936 a Fisterra.
- «Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016).
- A vinte anos I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario.
- O poeta maltés Stephen Cachia critica o peche temporal do Museo da Pesca de Fisterra.
- No natalicio do escritor emigrante muxián Victorino Abente Lago.
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (III).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (I).
- Ceés / Ceesa e outras propostas filolóxicas polémicas en Xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega.
- Os neofranquistas de Cee non queren mudar o nome do colexio público Eugenio López.
Novas relacionadas
- O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede.
- De pescos a montañeses. Os verdadeiros xentilicios da Costa da Morte.
- Os versos de Miro Villar musicados en clave indie.
- Miro Villar, un contacontos de primeira.
- Miro Villar espallou os seus haikus do Finisterrae Bretón pola costa ártabra.
- Miro Villar rebélase na charca da poesía para nenos.
- As Crebas de Miro Villar premiado como o Mellor Blogue Literario pola AELG.
- Miro Villar explica por que rexeita o Faro Nerio.
- Miro Villar: Estranxeiro na súa patria.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).