Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
Hai un ano da DANA que arrasou a Comunidade Valenciana. Un ano da traxedia, das vidas perdidas, das familias rotas. Homes e mulleres, pais e nais, fillas e fillos, irmás e irmáns. Unha traxedia que puido evitarse, ou polo menos, minimizarse. 229 vítimas mortais non nos esquezamos.
E ante todo isto, como se sobrevive? Como se convive coa imaxe de ver a quen amas desaparecer levado pola forza da auga? Como se reconstrúe unha vida cando a túa quedou sepultada baixo o lodo?
Pasou un ano, e seguimos cheas de preguntas. Se o día 24 de outubro xa había avisos de risco hidrolóxico, por que non se advertiu á cidadanía? Por que non se activaron os protocolos? Se a información existía, como agora se demostra, por que non se activou a alerta? E cando a situación se volvía máis grave, quen decidiu non facer nada?
Onde estaba o máximo responsable político da Comunidade Valenciana mentres a traxedia se desencadeaba? Despois de tantas versións contraditorias, xa non sabemos ben nin onde estaba, nin con quen, nin por que non estaba onde debía estar.
E mentres tanto, as familias seguen chorando. As vítimas seguen sen respostas. E o ruído mediático, as fake news, os vídeos manipulados e as mensaxes falsas ocuparon o espazo da verdade, da empatía e da compaixón. Como pode haber tanta deshumanización ante tanto sufrimento? Como é posible tanta falta de
Pregúntome moitas veces, Que tipo de liderado queremos? Que clase de persoas nos representan cando, ante unha traxedia maiúscula, non asumen responsabilidades, menten, manipulan e desinforman? Que tipo de política é esta que utiliza a dor como arma, que nega o evidente, que trata ás vítimas como un estorbo incómodo?
É tal a falta de respecto pola cidadanía, polas vítimas, pola democracia mesma, que resulta desolador.
A quen votamos? A quen lle confiamos as nosas vidas, os nosos dereitos, o noso futuro? Que clase de persoas asumiron o mandato de gobernar sen entender o que significa servir?
A política non é iso. Ou, polo menos, non debería selo. A política debería ser o espazo da responsabilidade, da ética, da empatía e da humanidade. E hoxe, un ano despois da DANA, queda a sensación amarga de que non se estivo á altura.
Quizais, máis que respostas, o que precisamos son verdades. E líderes que lembren que detrás de cada número hai persoas, que detrás de cada silencio hai dor, e que detrás de cada decisión hai vidas.
Porque cando a política perde a humanidade, o que se afoga non é só unha cidade: é a nosa propia esperanza.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.