xoves. 02.10.2025
El tiempo
Patricia Vaquero
09:33
02/10/25

A democracia en cuestión

A democracia en cuestión

Penso que estamos a vivir un momento onde a democracia está en cuestión. O avance da ultradereita en todo o mundo, os conflitos armados que derivan en terrorismo de estado, as restricións crecentes da liberdade de expresión e de prensa en países que se din referentes democráticos... todo isto amósanos que as bases sobre os que se ergue a convivencia están a derrubarse. Nos Estados Unidos, por exemplo, despediron a un comentarista por criticar a Trump, isto é máis que unha anécdota, é a constatación de que a liberdade de prensa, símbolo básico de calquera democracia, está en risco.

A política está convertida nun espectáculo populista e de propaganda ao estilo dos clásicos réximes autoritarios. Cada vez máis, discursos abertamente antidemocráticos, contrarios aos dereitos humanos, contra as persoas migrantes, contra aos dereitos e liberdades das mulleres, contra a diversidade ou contra a prensa independente, exprésanse sen complexos e con altavoz. A polarización é unha estratexia, porque divide, debilita e xera medo.

E eu pregúntome: en que momento empezamos a normalizar estes discursos? En que momento pasamos de indignarnos a compartilos, repetilos e incluso defendelos como se fosen opinións lexítimas? A quen serve este clima? Por suposto, serve a quen se beneficia do descontento, da desesperación dunha cidadanía que se sente desamparada. E é nese baleiro onde medra o populismo, o autoritarismo é a semente da ultradereita.

Non podemos esquecer que o patriarcado e o capitalismo desmedido son a súa base. Un modelo que exalta a forza, a riqueza individual, a desigualdade e a dominación, necesita discursos de odio para sosterse. Cando se criminaliza a quen migra, cando se sinala a quen diside, cando se cuestiona a quen loita polos dereitos das mulleres, o que defende é a orde dun mundo feito a medida dun poder masculino e arrogante.

E aquí entra tamén o poder do dixital: bulos, fake news, campañas de desinformación que circulan á velocidade da luz  e intoxican a opinión pública. Este é un tema en si mesmo, pero non se pode desligar do avance da ultradereita nin da erosión da democracia.

Dicía Simone de Beauvoir que non podemos dar por garantido ningún dereito das mulleres, porque abonda unha crise política, económica ou relixiosa para que volvan ser cuestionados. Iso está a pasar coa democracia. Está a ser cuestionada, erosionada, debilitada. E se non a coidamos, se non a defendemos con uñas e dentes, corremos o risco de perdela.

A democracia non cae dun día para outro: pérdese de pouco a pouco, normalizando discursos e prácticas autoritarias. E cando queremos reaccionar, xa é tarde. Se non a protexemos, estes machirulos con poder —ao que chegan moitas veces grazas ao propio voto popular— acabarán erixíndose en emperadores do seu reino particular.

Por iso é agora, neste preciso momento, cando temos que decidir: queremos unha sociedade libre, igualitaria, democrática? Ou imos permitir que o medo, a mentira e a arrogancia de quen manda nos rouben o futuro?

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero

 

Comentarios