Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
Hai un ano da DANA que arrasou a Comunidade Valenciana. Un ano da traxedia, das vidas perdidas, das familias rotas. Homes e mulleres, pais e nais, fillas e fillos, irmás e irmáns. Unha traxedia que puido evitarse, ou polo menos, minimizarse. 229 vítimas mortais non nos esquezamos.
E ante todo isto, como se sobrevive? Como se convive coa imaxe de ver a quen amas desaparecer levado pola forza da auga? Como se reconstrúe unha vida cando a túa quedou sepultada baixo o lodo?
Pasou un ano, e seguimos cheas de preguntas. Se o día 24 de outubro xa había avisos de risco hidrolóxico, por que non se advertiu á cidadanía? Por que non se activaron os protocolos? Se a información existía, como agora se demostra, por que non se activou a alerta? E cando a situación se volvía máis grave, quen decidiu non facer nada?
Onde estaba o máximo responsable político da Comunidade Valenciana mentres a traxedia se desencadeaba? Despois de tantas versións contraditorias, xa non sabemos ben nin onde estaba, nin con quen, nin por que non estaba onde debía estar.
E mentres tanto, as familias seguen chorando. As vítimas seguen sen respostas. E o ruído mediático, as fake news, os vídeos manipulados e as mensaxes falsas ocuparon o espazo da verdade, da empatía e da compaixón. Como pode haber tanta deshumanización ante tanto sufrimento? Como é posible tanta falta de respecto, tanta ausencia de decencia?
Pregúntome moitas veces, Que tipo de liderado queremos? Que clase de persoas nos representan cando, ante unha traxedia maiúscula, non asumen responsabilidades, menten, manipulan e desinforman? Que tipo de política é esta que utiliza a dor como arma, que nega o evidente, que trata ás vítimas como un estorbo incómodo?
É tal a falta de respecto pola cidadanía, polas vítimas, pola democracia mesma, que resulta desolador.
A quen votamos? A quen lle confiamos as nosas vidas, os nosos dereitos, o noso futuro? Que clase de persoas asumiron o mandato de gobernar sen entender o que significa servir?
A política non é iso. Ou, polo menos, non debería selo. A política debería ser o espazo da responsabilidade, da ética, da empatía e da humanidade. E hoxe, un ano despois da DANA, queda a sensación amarga de que non se estivo á altura.
Quizais, máis que respostas, o que precisamos son verdades. E líderes que lembren que detrás de cada número hai persoas, que detrás de cada silencio hai dor, e que detrás de cada decisión hai vidas.
Porque cando a política perde a humanidade, o que se afoga non é só unha cidade: é a nosa propia esperanza.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.