Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
O estudo recolle que unha de cada dúas nais en Europa sufriu problemas de saúde mental no último ano: depresión, ansiedade, esgotamento extremo. En España, a sobrecarga é aínda maior. O 67% das nais declaran sentirse desbordadas mentalmente. Como non? Na actualidade a maioría das mulleres estamos plenamente integradas no mercado laboral, pero seguimos asumindo maioritariamente as responsabilidades familiares e de coidado. O resultado é unha vida marcada por dobres e triples xornadas, autoesixencias constantes e mandatos sociais que pesan coma unha obriga inevitable polo feito de ser mulleres.
A nivel económico, os datos falan por si sós: o 52% das familias españolas destina máis do 20% dos ingresos ao coidado infantil, e o 55 % das nais viron modificada a súa situación laboral tras a maternidade. Reducións de xornada, excedencias, cambios forzados de emprego… medidas que implican perdas salariais, menos oportunidades profesionais e maior dependencia económica.
E aquí está o núcleo do problema: non se trata de eleccións libres, senón de renuncias impostas. Renuncias que se normalizan nunha sociedade que considera os coidados un asunto privado, familiar e, sobre todo, feminino. Mentres tanto, as administracións públicas seguen a mirar para outro lado, perpetuando un modelo no que o sostemento da vida depende do traballo invisible e non remunerado das mulleres.
Esta situación non pode entenderse fóra do contexto patriarcal no que vivimos. Mentres o traballo produtivo se valora e se recompensa, o traballo reprodutivo segue invisibilizado e infravalorado. Esta situación ten consecuencias: desigualdade estrutural entre homes e mulleres, precarización das nais, caída da natalidade dando lugar a situación demográfica actual e un impacto directo na saúde mental e no benestar das mulleres.
Pregúntome entón: ata cando aceptaremos que a maternidade empobreza ás mulleres? Canto tempo máis imos normalizar que coidar signifique renunciar?
O informe é claro: precisamos políticas públicas valentes que garantan servizos accesibles de coidado, apoio á saúde mental e corresponsabilidade real. Porque a maternidade e os coidados non son cuestións privadas de mulleres: son un asunto de Estado.
Facer que as nais importen non é un lema, é unha urxencia democrática e social. Porque sen mulleres libres e con dereitos, sen coidados compartidos e recoñecidos, non hai futuro igualitario e saudable posible.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.