Emprender sendo muller: realidade, non relato

Hoxe, 19 de novembro, conmemórase o Día da Muller Emprendedora. Un día pensado non só para celebrar o talento e a forza das mulleres que lideran os seus proxectos, senón tamén para lembrar o impacto que o emprendemento feminino ten na sociedade e nos territorios. Porque cando unha muller emprende, dinamiza a economía, sostén servizos, xera emprego, crea comunidade e contribúe ao desenvolvemento social e económico do lugar onde vive.

Pero emprender sendo muller non é o mesmo que emprender sendo home. E se queremos falar en serio de emprendemento feminino, temos que dicilo con claridade. A pesar dos avances, as mulleres seguimos atopando barreiras estruturais que condicionan o noso desenvolvemento profesional: dificultades de acceso ao financiamento, menor presenza en redes profesionais, falta de referentes próximos, estereotipos que cuestionan o noso liderado e unha carga de coidados que continúa recaendo maioritariamente sobre nós.

E se este camiño xa é complexo, emprender no rural engade novas capas de dificultade. A Costa da Morte é un exemplo claro: territorio disperso, dificultades de mobilidade, acceso limitado a servizos, conectividade irregular, e un tecido económico con menos oportunidades. A isto súmaselle o feito de ser muller, e quedan á vista tres realidades que se solapan: ser emprendedora, ser muller e vivir no rural. Unha combinación que require moita máis análise e moita máis política da que acostuma a facerse.

Por iso é tan importante recoñecer algo fundamental: as mulleres non partimos do mesmo lugar. A socialización feminina, os mandatos e roles de xénero, a aprendizaxe silenciosa de poñer sempre as necesidades dos demais por diante, as dificultades de conciliación ou a infravaloración social e económica do noso traballo condicionan tamén a forma en que emprendemos, o que esperamos de nós mesmas e o que a contorna espera de nós.

Falar de emprendemento feminino sen mirada de xénero é falar a medias. É ignorar unha parte esencial da realidade. E é, tamén, perpetuar a desigualdade. Precisamos entender o contexto, asumir que existen diferenzas de partida e traballar desde aí para que cada muller poida desenvolver o seu proxecto en igualdade de condicións.

E si, tamén é necesario dicilo: o emprendemento feminino está excesivamente romantizado. A narrativa da “muller que pode con todo”, do “se queres podes”, do “emprender é liberdade” non se axusta á realidade. Emprender é tan marabilloso como esixente. É ilusión, si, pero tamén é cansazo, aprendizaxe constante, toma de decisións difíciles e unha boa dose de incerteza. Por iso é tan importante falar non só dos éxitos, senón tamén dos fracasos, porque das dúas caras da moeda se aprende, se crece e se constrúe un proxecto máis sólido e máis humano.

 

Para transformar o emprendemento feminino necesitamos algo máis que boas intencións. Necesitamos espazos e programas que visibilicen, impulsen e fortalezan o papel das mulleres emprendedoras, que promovan o liderado feminino, que recoñezan o valor que achegamos ao territorio, que fomenten redes de colaboración, acompañamento e aprendizaxe mutua. Programas deseñados desde a perspectiva de xénero, que teñan en conta a diversidade das mulleres e as desigualdades reais coas que convivimos.

Porque cando as mulleres emprenden, gaña a economía, gaña o territorio e gañamos todas. 


Pero para que isto sexa verdadeiramente sostible, precisamos políticas, recursos e estruturas que estean á altura do que as mulleres xa estamos facendo cada día.

 

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero

Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero