xoves. 13.11.2025
El tiempo
Patricia Vaquero
12:24
12/11/25

“A trampa da liberdade”

“A trampa da liberdade”

Vivimos nun tempo no que se nos repite constantemente que somos libres. Libres para elixir, para decidir, para ser e facer o que queiramos. Pero... canto hai de liberdade real nesa promesa e canto hai de trampa?

Ás mulleres dende pequenas aprendemos a mirarnos co ollo alleo, a medir o noso valor segundo canto gustamos, a poñer o desexo doutros por diante do propio. Dende a infancia ensináronnos que o noso corpo é un escaparate, un territorio público, un obxecto de avaliación. E así, moitas das eleccións que facemos de adultas están atravesadas por ese legado invisible: o da socialización feminina e o da cultura patriarcal.

O neoliberalismo véndenos a “libre elección” como sinónimo de empoderamento, pero moitas veces o que fai é disfrazar de liberdade o que segue sendo opresión. O sistema ofrécenos un trato aparentemente tentador: “ti podes facer o que queiras co teu corpo”… sempre que iso siga xerando desexo, consumo e rendemento para outros. 

Non se trata en ningún caso de xulgar as decisións individuais das mulleres. O que deberiamos preguntarnos é: ata que punto esas decisións son realmente nosas? E, sobre todo, ata que punto esa liberdade é verdadeiramente libre se nace dun sistema que nos ensinou que o noso valor depende do pracer ou da mirada doutros? 

Ana de Miguel definiu isto como a trampa da libre elección. E non é só unha boa metáfora: é a realidade disfrazada de progreso. Un sistema que, en lugar de cuestionar a desigualdade, a decora. Que nos convida a pensar que “ser libre” é adaptarse a novas formas de dependencia.

As plataformas como OnlyFans preséntanse como espazos de autonomía e independencia económica, pero detrás desa narrativa hai un mercado que se lucra, de novo, co corpo das mulleres. Un mercado que segue reproducindo a mesma lóxica de sempre: o corpo feminino como produto de consumo.

Resulta máis cómodo pensar que todo é decisión persoal, que quen critica esaxera, que non hai nada de malo se unha “o fai porque quere”. Pero esa é precisamente a eficacia da trampa: que a opresión se volva invisible, que as mulleres sexamos cómplices dun xogo deseñado para seguir gañando cos nosos corpos, co noso tempo e coa nosa imaxe.

E mentres tanto, o impacto é real. Na forma en que as adolescentes aprenden o que vale o seu corpo, na maneira en que se normaliza a exposición e a sexualización prematura, na distorsión do que entendemos por liberdade e consentimento.

Por iso é importante mirar isto de fronte, sen medo e sen xuízos. Non para dicirlles ás mulleres o que deben facer, senón para abrir os ollos e recoñecer que moitas das nosas eleccións non son tan libres como pensamos.

Porque a verdadeira liberdade non é facer o que o sistema espera que fagamos, senón poder decidir dende a consciencia, dende o desexo propio, dende a autonomía real.

E iso só será posible cando deixemos de ser obxecto e nos recoñezamos suxeito. Cando deixemos de gustar para outros e empecemos, por fin, a gustarnos para nós mesmas.

Porque só cando deixemos de confundir a opresión con elección poderemos falar, de verdade, de liberdade.

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero

Comentarios