“Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)

Hai series que entreteñen, outras que incomodan, e algunhas poucas que nos obrigan a pensar. Pubertat, a nova serie de Leticia Dolera en HBO Max, ten un poudo de todo isto. Porque non é só unha historia sobre abusos sexuais entre menores —que xa sería suficiente—, é moito máis que iso. É unha serie sobre nós: sobre como educamos, sobre como miramos (ou deixamos de mirar), sobre como o patriarcado segue a marcar a nosa forma de entender o sexo, a culpa e a responsabilidade.

Dolera aborda a adolescencia con moita valentía e unha sensibilidade inmensa. Trátase dunha serie que non xulga, senón que analiza. Que non sinala, senón que nos coloca diante do espello. Fala da ausencia de educación afectivo-sexual, dese baleiro no que crecen nenas e nenos e que aprenden sobre o sexo a través da pornografía, convertendo a violencia e a dominación nun guión normalizado. Como non vai ter impacto isto na forma en que se relacionan, no que entenden por consentimento, desexo ou amor?

Pubertat tamén fala de masculinidade. Daquela que se constrúe dende o mandato de “ser un home de verdade”. Desa educación emocional amputada que converte aos homes en vítimas dun sistema que lles ensina a reprimir, dominar e esconder o que senten. E aquí está, a orixe de moitas violencias: nunha cultura que educa na forza, na dominación pero non na empatía.

A serie tamén convida a pensar na responsabilidade individual fronte á colectiva. Que pasa cando o dano xa está feito? Como se repara? É posible facer xustiza sen vinganza? Como se acompaña a quen sofre, pero tamén a quen causa dano? E, sobre todo, que podemos facer como sociedade para que non volva suceder?

Hai algo profundamente político nesta serie: a aposta pola reparación e o apoio mutuo. Pubertat amósanos que sanar tamén pode ser un acto colectivo, que aprender e medrar pode ser un xeito de empezar de novo.

O máis inquietante é que o que narra non é ficción afastada. Está aí, en cada pantalla, en cada dispositivo, ao alcance de nenos e nenas. A pornografía educa antes de que cheguen as conversas, e o silencio social continúa protexendo o sistema que sostén esa violencia.

Non podemos seguir negando esta realidade. A educación afectivo-sexual non é un luxo, non é adoutrinamento como din algúns, é unha ferramenta de prevención e liberdade. E esta serie lévanos directamente a esa conclusión: o cambio só é posible se asumimos a nosa parte de responsabilidade, se deixamos de mirar para outro lado e comezamos a mirar cara dentro.

 

No mes en que se conmemora o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, é imprescindible lembrar que os abusos sexuais tamén son violencia machista. Unha violencia infravalorada, normalizada e ocultada demasiadas veces. Unha violencia que fai que moitas superviventes se sintan culpables, que pensen que fixeron algo para merecela. Unha violencia que seguimos sen mirar de fronte.

Pubertat obríganos a facelo. A mirar, a pensar e ogallá a actuar. Porque non é só unha serie, é unha chamada. A lembrarnos que o silencio e a evasión tamén é parte do problema.

¡

 

 

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero