Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
A violencia machista non é un concepto ideolóxico nin unha percepción subxectiva. É unha realidade verificable, documentada, estudada e recoñecida por organismos internacionais, polas leis e polas estatísticas oficiais do noso país. É, en esencia, a manifestación máis clara da desigualdade estrutural entre homes e mulleres. Unha desigualdade que se traduce en relacións de poder asimétricas e nun uso instrumental da violencia para controlar, someter e disciplinar ás mulleres polo simple feito de selo.
Esta violencia non aparece de forma espontánea. Ten raíces profundas, asentadas nun sistema patriarcal que historicamente outorgou autoridade, capacidade de decisión e centralidade aos homes, ao tempo que asignou ás mulleres un lugar subordinado, condicionado, vixiado e permanentemente avaliable. Por iso falamos dunha violencia específica, sistemática, instrumental e estrutural, que atravesa todos os ámbitos da vida social: a familia, a escola, os medios, a política, o emprego, as redes, a cultura.
E precisamente porque é estrutural, o seu impacto non se limita ás vítimas directas. Afecta a todas as mulleres, condicionando a súa liberdade de movemento, a súa percepción de seguridade, as súas oportunidades vitais, a súa autonomía económica e mesmo as súas decisións cotiás. Vivir coa conciencia permanente de perigo non é unha experiencia individual: é un síntoma colectivo dun sistema que segue a transmitir ás mulleres que a súa vulnerabilidade é inevitable e que deben adaptarse a ela.
Por que se produce a violencia machista?
A resposta é tan clara como incómoda: porque existe un sistema patriarcal de crenzas que segue lexitimando a idea de que os homes teñen dereito a controlar as mulleres e a decidir sobre as súas vidas. Ese sistema transmítese a través de normas sociais, mandatos de xénero, estereotipos e prácticas culturais interiorizadas durante xeracións.
A violencia non se exerce porque si: exercese para manter unha xerarquía, para conservar privilexios, para garantir obediencia, para impedir autonomía. Por iso dicimos que é unha violencia instrumental: non busca o dano como fin, senón como medio de control e dominación.
Un momento complexo: avance social fronte reacción patriarcal
Estamos a vivir un contexto especialmente delicado. A medida que as mulleres avanzan en dereitos, visibilidade e autonomía, a reacción machista intensifícase. Esta reacción adopta múltiples formas, pero unha das máis perigosas é o negacionismo: discursos que cuestionan a existencia da violencia de xénero, que relativizan o seu impacto, que tentan despolitizala ou que a sitúan no mesmo plano que outras violencias para diluír a súa especificidade.
O negacionismo non é inocente. É unha estratexia política e social destinada a desmontar décadas de avances. E faino empregando unha ferramenta moi eficaz: os bulos e os mitos machistas, difundidos con rapidez e sen control a través de redes sociais, tertulias, medios e contornas informais.
Desmontar estes mitos é unha responsabilidade profesional e cidadá, porque cada un deles contribúe a reforzar o sistema que permite que a violencia continúe.
Os agresores non son monstros, ni teñen problemas mentais, son homes machistas socializados nun sistema que lles ensinou que a violencia é unha ferramenta lexítima de poder sobre as mulleres. Non exercen violencia porque sexan enfermos mentais, senón por creenzas machistas, necesidade de control, dominación e desigualdade estrutural. Asociar violencia machista con enfermidade estigmatiza a saúde mental e desvía o foco do auténtico problema: o patriarcado.
Tampouco a maioría dos agresores son estranxeiros, os datos oficiais confirman que o 70-80% dos agresores condenados por violencia de xénero en España son españois segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial. E nos asasinatos machistas, máis do 75% dos asasinos son españois. A nacionalidade do agresor non determina a violencia, o determina o machismo. A violencia de xénero non é unha cuestión de orixe, é unha cuestión de desigualdade, poder e cultura patriarcal. Centrar o problema nos “de fora” so sirve para unha cousa: evitar que sinalemos o machismo que temos dentro.
Pola súa parte, as denuncias falsas son mínimas entre un 0,001% e un 0,002% segundo datos oficiais. O verdadeiro problema non son as denuncias falsas senón os obstáculos reais que viven as mulleres: non ser escoitadas, cridas, protexidas e son constantemente xulgadas e cuestionadas. Desconfiar sistematicamente das mulleres tamén e violencia.
A responsabilidade colectiva: non se pode erradicar o que non se quere ver
A violencia machista non é inevitable.
Non é eterna.
Non é natural.
É consecuencia directa dun sistema social que pode —e debe— ser transformado.
Pero para transformalo necesitamos un compromiso real. Non simbólico, non retórico, non so o 25 de novembro. Compromiso das institucións, dos profesionais, dos medios, das escolas e tamén das persoas que cada día escoitan, comparten ou replican discursos sen contrastar.
No momento actual, negar ou minimizar esta violencia non é unha opinión: é unha forma de contribuír á súa continuidade.
É situarse o lado do agresor, aínda que non se queira admitir.
É aumentar o risco para as vítimas.
É erosionar a confianza social nas institución que as deben protexer.
Por iso é imprescindible insistir, explicar, contextualizar e volver explicar. Porque o que está en xogo non é un debate ideolóxico: é a integridade, a liberdade e a vida das mulleres.
E mentres haxa quen negue esta violencia, quen a relativice ou quen tente desmantelar as políticas públicas que teñen demostrado salvar vidas, será máis necesario ca nunca nomear a verdade con rigor, con firmeza e sen medo.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.