Pedrerol e os valores do fútbol moderno
11:21 15/03/17
Non é un segredo que o espectáculo que envolve ao fútbol tornou un circo nos últimos anos, o escenario perfecto no que verter odio e frustración. Normalizamos o feito de que a sección deportiva sexa unha batalla entre xornalistas do Real Madrid e do Barcelona, incitándonos a odiar utilizando as cores dunha camiseta como excusa: Cristiano Ronaldo ou Messi, Mourinho ou Guardiola, Piqué ou Arbeloa… calquera batalla é válida co fin de buscar o enfrontamento da sociedade. E como invitado especial a esta loita de xigantes, agora tocoulle ao Celta.
A caverna mediática emprendeu a guerra contra un pobo que sufría grandes consecuencias dun temporal que noutros países xa lle terían posto nome propio. Sen entrar na xestión do órgano directivo do Real Madrid, que ante a alerta vermella en Coruña e Vigo propón xogar en Compostela; xenial ocorrencia pensar que á metade do camiño sería boa idea. A outra proposta foi Asturias, alegando que se debería xogar onde fora xa que as perdas televisivas traerían consecuencias; o desprazamento da afección non se ten en conta, é evidente que neste fútbol moderno é prioritaria a diversión dun neno chino que a dun galego. O tema quedou pechado nunha evidente suspensión, momento no que a prensa madrileña comeza a súa batalla particular contra un club que non se pronunciara. Tres días pasaron ata que o Celta volveu xogar de novo, desta vez contra un Alavés que o eliminou da final da Copa do Rei. Ao remate do partido, o primeiro que se lle acorda a un tal Pedrerol é o alcalde de Vigo; Estudio Estadio abre unha enquisa propoñendo Balaídos como sede da final e un longo etcétera de xornalistas e afeccionados encheron internet de mofas. Era un grande triunfo para as súas vitrinas.
O que non lembrou a caverna mediática foi o progreso dun club que fai cinco anos estaba na Segunda División; non abriron portadas cun proxecto liderado por xogadores da casa que ata ese momento se mantiña activo en tres competicións, nin tampouco santificaron a Sergio Álvarez, Hugo Mallo, Jhonny ou Iago Aspas. Non escribiron a historia duns nenos de Catoira, Marín, Vigo ou Moaña que miraron á cara a Cristiano Ronaldo e o eliminaron da Copa; non encheron os seus programas recordándolle aos nenos que eles tamén poden facer historia, nin que ás veces, a paixón gaña ó diñeiro; nin sequera a xera do Alavés ocupou as portadas ao día seguinte. O verdadeiro fútbol eclipsado por unha nube de fume onde, sen estar o Real Madrid presente nestas semifinais, unha vez máis precisaba o protagonismo. Cando se pregunten porqué hai tanto antimadridismo na rúa, alguén debería recordarlle isto. Os nenos que prenden a televisión e atopan isto en horario infantil crerán imposible que o Alavés xogase unha final da UEFA, que o Deportivo gañase unha Liga ou que a Real Sociedade se mantivera líder da Primeira División durante toda unha temporada. Non crerán que isto era real non fai tantos anos, cando aínda non irrumpira esta secta que se empeñou en matalo. Obrígannos a respirar esta nube tóxica, impedíndonos gozar a todos destes grandes momentos que nos fan recordar que outro fútbol é posible. Quizáis aínda exista a posibilidade de que os nenos volvan xogar ao fútbol, e non a ser futbolistas; alguén debería contarlle que unha xera de galegos case toca o ceo apenas uns anos despois de cheirar o inferno da segunda B e consecuente desaparición do club. Nos medios tampouco lle contarán que a data que eles mesmos se encargaron de buscar para recuperar o encontro suspendido non poderá ser, porque a pesar das súas mofas, estes xogadores ergueron a cabeza para seguir loitando por un soño europeo. Naceron en Galicia, e están amosándolle a Europa o significado da palabra “afouteza”.
En nos está non deixarnos intoxicar por este contaminante sector e gozar deste grande triunfo para os valores do fútbol e das canteiras. Quizáis debía ser Maradona o que lle recordase a Pedrerol e ao seu exército as súas propias palabras de arrepentimento: “yo me equivoqué y pagué pero… la pelota no se mancha”. Quizáis así, algún día deixen de facelo.
- Rebeca Facal Fuentes, baiesa e experta do mundo da comunicación.