Venres. 26.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
22:00
07/04/11

Asalto ao Banco Central

Asalto ao Banco Central

Como toda persoa de ben, sinto gran respecto e admiración polos atracadores de bancos. Eses filántropos de alma nobre que usan a intelixencia para desfondar caixas fortes de seguridade, que traballan en equipo para anular modernos sistemas de seguridade. Cabaleiros dos que xa non quedan, que con aplomo británico tranquilizan os anciáns que fan ringleira diante da caixa. Se mantemos a calma aquí non vai pasar nada. Garde a carteira, señora, non queremos os seus cartos. Homes honrados que ciscan ao aire billetes na súa fuxida. Sempre os agarda na porta do banco un home tranquilo fungando un todoterreno listo para saír voando. Ao meu ver, o atraco ao banco é metáfora da xustiza social.

Sei ben que resulta inxenuo, case infantil, acudir ao discurso antisistema. Que de nada vale lembrar que a Banca, os lobbys financeiros e a tolemia bursátil son verdadeiramente os deuses deseñadores dunhas estruturas de poder que deciden os vaivéns da economía do planeta. Propiciaron deliberadamente esta crise e nós obedecemos como idiotas a consigna de acudir ao seu rescate. Asumimos como normal que unha axencia cualificadora de nome tan cursi como Moody’s poña en risco a economía dunha nación emitindo notiñas segundo o seu interese perverso. Imaxínomos como unha asemblea de tiburóns tarados ávidos de sangue pobre. Mociños trepadores, ridículos e repelentes, traxeados e engominados, co sobaco ilustrado cun ipad. É pueril, dixen. Pero consólome pensando neles como excrementos.

En tanto, tragamos con foros, trabucos e dezmos que nos impón a usura bancaria. Consentimos adormiñados que nos sodomicen coas súas cláusulas, coa súa insultante letra pequena. Proxenetas da linguaxe que inventan termos de acción terrorista como dación, novación, subrogación, euribor… co único propósito de manternos como reféns seus. É a trata de escravos do novo milenio. Máquinas de xerar habitantes da miseria.

E a nosa clase política, que debería por definición saír ao encontro da comunidade, protexela e salvagardala das agresións desas pirañas, envaselinizan o traseiro e dispóñense submisos a catro patas. Resulta que non é posible saldar unha débeda hipotecaria entregando a propiedade que eles mesmos tasaron no seu día pola cantidade emprestada, obrigando aos cidadáns afogados a seguir mantendo os vínculos vampirescos coa entidade. Segundo o dicionario, emprestar significa deixar algo a alguén durante un tempo para que o utilice e logo o devolva.

Pero non é suficiente. A ministra de economía di que non se poden poñer medidas dese tipo nun momento no que hai que reforzar o sistema financeiro. Se seguimos coa linguaxe eu pregunto: que carallo significará para esta xente socialista e obreiro? A min particularmente impórtame ben pouco o futuro do sistema financeiro, a fortaleza da banca ou a galeguidade das caixas.

Mentres, aí vén abril, fermoso como unha revolución de caraveis...

  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Marzo de 2011.

Ouras historias nómades

Fonte

Comentarios