Martes. 16.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
14:05
07/04/10

Fauna da bisbarra 1: o homínido a motor

Fauna da bisbarra 1: o homínido a motor
Esta fedorenta especie está en perigo de expansión. Abunda na bisbarra e adquire proporcións invasivas no corredor Santa Comba-Dumbría-Cee-Camariñas-Muxía-Fisterra. O homínido-a-motor é doadamente recoñecible: está soldado a un vehículo, formando con el un todo único e inseparable. Leva calada unha gorra que revira para abaixo ocultando uns ollos que só miran de esguello, desafiantes, en ameaza. Se coincides ao seu lado nun semáforo en vermello –único momento no que está quieto- notarás esa ollada e percibirás, así mesmo, a súa microcefalia. Como non sabe falar moi ben, dada a súa incapacidade para a adquisición de vocabulario, exprésase mediante o bruar do seu motor e a música a toda pastilla. A el gústalle esa podremia, e quere que todos adoremos o seu ruído cando pasa. Son especialmente curiosas as súas manobras de cortexo. Cando se produce certa concentración feminina e adolescente (portas de instituto, botellóns...) aparece polo lugar o homínido-a-motor despregando a xeito de pavo real todos os seus encantos: chunda-chunda e derrapaxes. Non queda moi claro se ese cortexo finaliza algunha vez en apareamento. En tal caso, a fornicación de bestas sería motivo doutro estudo. O vehículo do homínido-a-motor é obxecto de análise entre antropólogos e científicos das mellores universidades do planeta. E todos coinciden no mesmo: non pode ser máis hortera. Defensas que lamben o asfalto, tubos de escape que saen por todos os lados, grellas de churrasco debaixo do capó ou pegatas con mensaxes suxerentes: No corro, vuelo bajo ou Fe en Cristo e ferro a fondo. No asento do lado obsérvase ás veces a película de video club A todo ghas. O homínido-a-motor faise perigoso pola súa ignorancia atrevida. Considera que a estrada e só para o seu dubidoso uso e, como conduce mal, espétase seguido. As pensións dos avós corren cos gastos e volta a empezar. A proliferación da especie non tería maior importancia de non ser porque comparten connosco rúas, camiños, estradas e autovías. De entre as medidas de choque para a súa rehabilitación social propoño: a procura a pé do fin do camiño e as clases de danza clásica. Se isto non funciona aplicarase o seu peor tormento: lectura e recitado de clásicos.
  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Abril 2010.

Comentarios