Sábado. 27.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
13:17
07/01/10

Mundo salvaxe

Mundo salvaxe
Foi aló nos comezos dos setenta cando Aurelio e Isolina se estableceron en La Ciudad. Viñan do sur de Ourense, de Viana do Bolo. Lémbroo agora porque Lolo, o fillo máis vello, sempre lles dicía aos amigos: Este sábado no voy bajar, neno, que nos vamos a la aldea, a Viana del Bollo. En La Ciudad, dicir que ías á aldea era espirse en público. Deixabas irremediablemente á vista a orixe dos teus pais, dous pailarocos. Buahhhh, neno, te vas a la argolla. E todos escachaban de risa. Argolla e aldea eran sinónimos para os habitantes de La Ciudad. Representaba a argola nasal dos aborixes. A indixenia. O mundo salvaxe. Ademais, ese mundo salvaxe da aldea era un totum inapreixable que atinguía un espazo indefinido. Só había un límite: aldea era todo o que non era La Ciudad, e comezaba, por exemplo, ao cruzar a Ponta da Pasaxe (nunca así chamada polos habitantes de La Ciudad.) Aldea era Betanzos, era Ribeira ou mesmo Lugo. Pero había prototipos: Pareces de Coirós. En La Ciudad, non obstante, había moitos Aurelios e Isolinas que viñeron dende calquera lugar de Galicia a traballar, e tiveron moitos Lolos que se criaron e medraron alí. De feito, a maioría da xente vén de fóra, aínda que sempre atopas con alguén que es de La Ciudad de toda la vida. Foi esa xeración, a do Lolo, a que para sobrevivir en La Ciudad donde nadie es forastero activou un sistema de transmutación mimetizándose co contorno. Ciudadeses de sempre e para sempre, que cambiaron a maneira de falar herdada polos pais, renegaron das orixes e puxeron unha viseira e un chándal. Vaia, algo así como pequenos michael jacksons. Desertores do arado. Os tempos mudaron. Lolo medrou e xa é un home casado e con fillos. Agora, cunha parella de amigos, van de cando en vez á aldea a unha casa de turismo rural e fala cos paisanos nunha especie de galego con acento de La Ciudad. Cho digo eu, que a min sempre me molou a aldea, neno! Van todos moi guapiños con prendas de Decathlon, porque no fondo, están de expedición no mundo salvaxe. Sacan fotos ás galiñas, comen caldo e pisan bosta. Antropólogos. O domingo, á noitiña, regresan a casa miles de Lolos e Aurelios. Ringleiras de coches tristeiros que retornan a La Ciudad con cara de luns. Lolo mercou unha pegatina. Salvemos os osos dos Ancares. Aurelio trae no maleteiro repolos e patacas para todo o mes.

Comentarios