T.D.T.
13:13 01/03/10
En casa non se ve ben a tele. Ver, vese. Pero logo dun minuto cunha visión excelente, fica a imaxe fragmentada en mil anaquiños de vistosas cores acompañados duns ouveos entrecortados, que parece que o locutor ten unha melopea do quince. Logo, toda a pantalla ponse en negro e aparece unha etiqueta cutre que indica pérdida de señal. Tras uns silenciosos segundos de espera, comeza a verse estupendamente pero o desastre continúa en bucle perfecto e irremediable. Como é irremediable, non queda outra que armarse de paciencia. E o certo é que un se vai acostumando e mesmo valora, con semblante estoico, as variadas secuencias. Por exemplo, esas imaxes pixeladas conforman ás veces fermosos cadros cubistas, o que che permite, sen moverte do sofá, un paseo por unha galería de arte contemporánea. Outras veces, aproveitas os silencios entre imaxes para lembrar as tarefas pendentes ou para dicirlle á túa parella que tal?
Aínda que nunca consumimos moita televisión, porque somos intelectuais e total nunca botan nada, o certo é que chamei ao antenista (isto é unha confesión que me deixará quedar mal cos meus colegas ilustrados, que nunca ven a tele porque nunca botan nada). Os antenistas son eses señores que andan polos nosos tellados coa mesma naturalidade que se estivesen nun bar. Eu só estiven unha vez (no tellado, no bar máis). Arrastreime a catro patas cheíño de medo e de vergoña, por se me vía algún veciño. Un espectáculo lamentable. En fin, viñeron os gráciles antenistas e dixeron que non lle había nada que facer, que se por Cee non recibo sinal, que se por Carnota xa non vai... Faloume da Xunta, do satélite, de Imagenio, de non sei que permisos, de 600 euros blablablá.
É curioso como neste país poñemos sempre o carro antes cós bois. Disponse un sistema de xeito unilateral, obrigatorio e sen consultarnos, en aras dunha nova tecnoloxía infinitamente superior e que nos vai facer máis felices. Pero a nova tecnoloxía non é universal e miles de cidadáns ven cadadriños de cores e o televisor parece unha peceira que decora o salón.
Outro conto é o que a TDT nos ofrece. Se tes a sorte de vela, podes navegar eternamente por un cristalino océano de canles. Pero non has de aturar máis dun minuto nelas, vista a podremia que emiten. Altas doses de esterco catódico que van dende concursos dirixidos por e para encefalogramas planos ata televenta de extraños produtos presentados por bonecos e bonecas inchables.
Pero a náusea chega ao extremo cando descobres covas prehistóricas que vomitan discursos guerracivilistas, totalitarios e facinerosos. Como en Radio Rwanda, disparan discursos de rancor e intolerancia para enardecer unha audiencia pobre que resposta con sms descerebrados. Persoeiros saídos do primeiro capítulo de Cuéntame que resucitan con alegría os peores anos da nosa historia.
Neses momentos, a TDT obra un milagre, xa que aínda que non se vexa nin se oia ben, cheira. A merda.
- Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Marzo 2010.