Domingo. 13.10.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
13:12
07/03/10

Unha historia incómoda

Unha historia incómoda
Cando eu era pequeno, adoitaba xogar cos amigos ás palabras encadeadas. Era doado. Supoño que tamén vós tendes xogado. Un propoñía un concepto e inmediatamente o outro tiña que respostar cunha palabra directamente relacionada. Se un dicía fútbol, poñamos por caso, o outro dicía Maradona, se dicías pito o outro dicía cona. E así ata aburrirse. Hoxe, se dis Igrexa católica hai que dicir pederastia. Pero non é un xogo. Alén do execrable do delito, produce especial repugnancia o silencio, laxitude, tolerancia, ocultamento e xustificación que as xerarquías eclesiásticas fan do asunto. Esta especie de inmunidade é algo sen parangón na sociedade civil contemporánea. Ata os políticos cleptómanos sentan no banco dos acusados. Algúns. Non se coñece colectivo máis proclive á pederastia que o eclesiástico. Ninguén le na prensa cousas como: Investigados os controladores aéreos de Dublin por abuso de menores. Pero repito, non é un xogo. Non é cousa para andármonos con frivolidades vendo o testemuño diario das miles de vítimas. Vítimas que sufriron o lapidario silencio do pecado. Vítimas hoxe visibles, pero que son, temo eu, só a punta do iceberg. Esta é unha historia incómoda. Sei que a maioría de católicos practicantes son xentes de fe que militan no catolicismo por plena convicción. É respectable. Sei que hai tamén igrexa de misión facendo un traballo honesto no terceiro mundo. Sei que hai igrexa dos pobres en Latinoamérica con misas campesiñas e teoloxía da liberación (odiados por Ratzinger, por certo). Fraco favor lle fai a xerarquía aos crentes e mesmo á relixión. Eu, que non son do club, non son quen de dicirlle á freguesía católica cómo ten que gobernar a súa casa, pero creo que é a comunidade de base a que debería esixir responsabilidades. A historia é incómoda pero non é nova. Dende sempre, a institución arrastra un déficit de sincronía cos mundos que lle tocan vivir. Hoxe calan eses comportamentos como tamén vetan o uso do preservativo, pasando olimpicamente dos millóns de contaxios de VIH no continente negro, por exemplo. Opóñense á investigación con células nai embrionarias, que sen dúbida suporán a revolución médica do século. Asustábanos coa irremediable cegueira en caso de masturbación. As pulsións sexuais adolescentes puideron máis có medo e demostraron empiricamente a falsidade do argumento. En fin. Creo que hoxe admiten que a Terra é redonda e xira arredor do Sol.
  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Marzo 2010.

Comentarios