Fracasamos
Fracasamos como sistema e como sociedade. E non nos damos conta ata que nos toca de preto. Ata que a vida se quebra sen aviso e queda un baleiro cheo de preguntas sen resposta.
Fracasamos como sistema sanitario. Escoitamos falar da importancia da saúde mental, vémonos rodeados de campañas e titulares… pero todo queda en palabras. A realidade é que acceder a atención psicolóxica segue sendo un luxo que non todo o mundo se pode permitir. E si, hai psicólogos na sanidade pública, pero están saturados, con listas de agarda que chegan aos meses. E cando a dor aperta, cando a angustia consume, esperar dous meses é demasiado. A saúde mental debería ser un ben de primeira necesidade, presente en todos os centros de saúde, accesible e digna para todas as persoas. E non o é.
Fracasamos nos protocolos ante a morte tráxica. Porque cando pasa algo así, non hai guía, non hai man, non hai apoio. Só portas pechadas, teléfonos que non responden e administracións que se desentenden. A empatía, esa palabra que tanto se repite, tamén parece ter colapsado. E quen queda, ten que enfrontarse ao baleiro... e á burocracia.
Fracasamos como sociedade. Porque cada vez somos máis rápidos en xulgar e máis lentos en comprender. Usamos as palabras como coitelos sen pensar, ou ás veces pensando, ferindo onde xa hai ferida. Falamos de coidar, pero esquecemos coidar de verdade. Vemos sinais, pero minimizámolas. Escoitamos, pero non escoitamos de verdade. E cando queremos reaccionar, xa é tarde.
Fracasamos como familias. Deixámonos levar polo "xa nos veremos", ata que non nos vemos máis. E entón, cando a dor nos xunta nos peores momentos, dicimos: “a ver si para a próxima nos vemos nunha festa”. Pero o tempo pasa, voa, e non sempre hai seguinte vez. Decímonos poucas veces canto nos queremos, por vergoña ou porque pensamos que non é o momento… co bonito que é querer, decilo e que nolo digan.
Fracasamos como persoas. A empatía e a cooperación deberían formar parte da nosa natureza, pero cada vez custa máis atopalas. Pensamos que mirar por un mesmo é incompatible con tender unha man. Preferimos non meternos, non incomodarnos, facer a vista gorda. Vivimos nun mundo de redes e pantallas onde é máis doado compartir unha frase feita sobre saúde mental que chamar a alguén que sabemos que está mal.
A conclusión é dura, pero necesaria: fracasamos como seres humanos. Somos, segundo a definición, seres sociais, dotados de intelixencia, capacidade de introspección e comunicación. Pero algo está fallando. Algo esencial.
E agora que? Agora que xa non hai volta atrás, que a ausencia pesa, que o silencio doe, só queda unha cousa: non esquecer e non repetir.
Non se trata de cargar cunha culpa individual, senón de abrir os ollos a unha realidade que nos estoupou nas mans. Non miramos ou non soubemos ver un silencio que gritaba, unha dor que se agochaba detrás dun sorriso ou dun “estou ben”.
Non escribo isto por rancor, senón por impotencia. Porque, aínda que xa non poidamos facer nada por quen marchou, talvez poidamos facer algo polas persoas que quedan. Non deberiamos necesitar unha traxedia para lembrar que a saúde mental importa, que a compañía salva, que un xesto pode marcar a diferenza.
O que queda agora é loitar para que non volva pasar. Para que deixemos de fracasar. Para que deixemos de dicir “non tiña pinta”, “non o vin vir”, “non sabía que estaba tan mal”. Para aprender a escoitar de verdade, a mirar máis alá do que se ve, a estar aí, sen esperar nada a cambio.
E, sobre todo, para non esquecer. Que a súa memoria nos empurre a ser mellores. Mellores persoas. Mellores familias. Mellor sociedade.
Porque non nos podemos permitir seguir fracasando.
A vida sempre nos ensina, e a maioría das veces con paus moi grandes.
E algo aprendín: el era luz, desprendía sempre felicidade, e non lle importaba dar bicos e apertas onde fora, daba igual o lugar. Ensinoume que debemos querer ben, que non nos pode dar vergoña o querer e demostralo.
A vida pasa voando, os segundos convírtense en horas sen velos pasar. E nunca temos tempo: fálannos de que debemos reservar tempo para nós, para o traballo, para facer exercicio, para comer ben, para atender a casa…
Pero esquecemos o máis importante:
👉 Tamén debemos ter tempo para querer.
Querer ben, querer agora, querer sen medo.
Porque ás veces non hai mañá.
E querer é o mellor que podemos facer mentres estamos vivos.
- Tatiana Rellán. Rexenta a Parafarmacia Horizonte de Baio e edil do BNG de Cabana.