luns. 28.07.2025
El tiempo
Tatiana Rellan
07:39
24/07/25

Turismo ou Servilismo?

Turismo ou Servilismo?

Viaxar é marabilloso. É unha oportunidade para coñecer outras culturas, saborear outros pratos, escoitar outras linguas, mirar o mundo con ollos novos. Pero hai algo que estamos esquecendo: cando adaptamos todo ao turista, cando disfrazamos o turismo de hospitalidade extrema ata o punto de renunciar ao noso, o que estamos facendo é perder.

Imaxinen por un intre que chegan ao bar de sempre e que a carta agora está só en inglés. Que xa non hai polbo, nin callos, nin empanada… só hamburguesas, hot dogs e fish and chips. Porque “é o que lle gusta á xente”. Pero… e nós? Onde quedamos nós?

Cando viaxo a outro país, vou porque quero descubrir, porque quero aprender, porque me interesa o diferente. E quen di outro país, di tamén outra comunidade do Estado español. Porque tamén aquí hai diversidade: de linguas, de gastronomías, de xeitos de vivir e de entender o mundo. Se o que busco é sentirme como na casa, pois mellor quedo quieta.

O problema é que moitos confunden turismo con servilismo. Pensan que atraer visitantes é darlle todo feito, aínda que iso implique borrar o que somos. Menús traducidos pero sen identidade, gastronomía adaptada pero sen alma, festas populares reconvertidas en espectáculo para móbiles, rúas cheas pero baleiras de sentido.

Este modelo —o do turismo de cantidade— deixa máis perdas que ganancias. As persoas que vivimos aquí acabamos sentíndonos forasteiras na nosa terra. E iso, créanme, é moi triste.

Cómpre dicilo claro: o turismo é necesario. Aporta riqueza, emprego, intercambio cultural e mesmo pode ser unha ferramenta para o crecemento persoal e comunitario. Pero iso non implica perder a nosa identidade. Non podemos aceptar que, por agradar a quen vén de paso, teñamos que renunciar ao que somos.

E non, non son as administracións as que están a poñer freo a isto. Ao contrario. Algunhas incluso din que debemos actuar con “sentidiño común” ante certos atropelos. Pero non, señores. O que debe traer sentido común é quen nos visita. E traer tamén respecto, educación e ganas de coñecer, non de colonizar.

Precisamos un turismo que respecte, que valore, que sume sen restar. Un turismo que entenda que o auténtico é o maior atractivo. Porque cando sacrificamos a nosa esencia para contentar a quen vén de paso, o que estamos facendo é hipotecar o futuro.

Se non defendemos o que é noso, quen o vai facer?

  • Tatiana Rellán. Rexenta a Parafarmacia Horizonte de Baio e edil do BNG de Cabana.

Outros artigos de Tatiana Rellán

Comentarios