Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Castelo do Príncipe (II): O contexto da construción do Castelo e das outras fortalezas defensivas das nosas costas

Castelo do Príncipe (II): O contexto da construción do Castelo e das outras fortalezas defensivas das nosas costas

O Castelo do Príncipe na Ameixenda-Cee, empezouse a construir no 1740 xunto co Castelo do Cardeal de Corcubión.Curiosamente, nos Libros Sacramentais de Santiago de Ameixenda, conservados na actualidade no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, déixase constancia do inicio das obras:

"En quatro de junio del año de mill sietezientos y quarenta, mandose retor de esta fª Dn Joseph Vallesteros y Castro, siendo ynjeniero Dn Carlos Voysin, pasado a la fortaleza y Castillo del Principe a poner y vendicir la Primera Piedra, de dicho Castillo yncluso en los terminos de Sntiago de la Ameyjenda, a orillas del mar en tierras del Conde de Altamira, de orden de dicho S(eñ)or que se alla dha fabrica a su cargo asta ser fenecido para el Real Servicio de Mi Rey y señor Natural Phelipe Quinto Que Dios Guarde que hace para las defensas de las Naciones Barbaras enemigas de nuestra santa fee y conservacion de este Rgnº y de sus leales vasallos, que fueron presentes dho S(eñ)or Ynjeniero, Simon Duran, Juº Garcia y otros y para que conste lo firmo dho dia, mes y año at supra".

oreja-jenkins Guerra do Asiento, popularmente coñecida como a da Orella de Jenkins

Tan só un ano antes dera comenzo a Guerra do Asiento, popularmente coñecida como a da Orella de Jenkins e que tivo a Galicia como un punto xeoestratéxico nos enfrontamentos entre británicos e españois, situación que continuaría durante os conflictos posteriores ata a Paz de París (1764). O nome deste conflicto bélico ten a súa orixe no apresamento no ano 1731 dun buque inglés que se adicaba ó comercio de contrabando capitaneado por Robert Jenkins. O encargado do gardacostas español, Juan León Fandiño cortoulle a orella ó capitán inglés ó tempo que lle dicía "ve y di a tu rey que lo mismo le haré si a lo mismo se atreve". Este episodio sería aproveitado polo Parlamento Británico para declarar a guerra a España o 23 de outubro de 1739 dentro dunha ampla campaña orquestada desde Londres para facerse co control comercial na área do Caribe, ata o momento monopolio español.

Aínda que a guerra oficialmente durou entre 1739 e 1748, o episodio máis importante tivo lugar en 1741 no asedio inglés a Cartaxena de Indias (Colombia) que duraría varios meses e no que a flota inglesa formada por 186 naves e máis de 27000 homes foi derrotada pola guarnición española de pouco máis de 3500 soldados e só 6 navíos capitaneados polo almirante Blas de Lezo, orgullo da  Mariña española e que sería coñecido tamén como Patapao e Mediohome polas feridas que sufriu durante a súa carreira militar nas que perdeu un ollo, un brazo e unha perna. Despois desta derrota, os británicos tiveron que ocultar as moedas que xa tiñan acuñadas celebrando unha victoria que crían segura pero que nunca chegaría. Tamén tiveron que quitar da circulación as medallas conmemorativas nas que se podía ver a Blas de Lezo axeonllado diante do almirante inglés, Vernon, co texto "El orgullo español humillado por Vernon" e "Los héroes británicos tomaron Cartagena el 1 de abril de 1741".

Medalla de Cartaxena de Indias Medalla de Cartaxena de Indias con Blas de Lezo

Esta guerra do Asiento ou da Orella tamén tivo os seus episodios nas nosas costas con diferentes ataques dos navíos ingleses ás flotas española e francesa. Un deles tivo lugar o 8 de abril de 1740 no cabo de Fisterra no que foi apresado o navío español La Princesa e que seguramente acelerou a colocación da primeira pedra do castelo do Príncipe. En 1747, un ano antes do remate da guerra, tres episodios bélicos tiveron lugar nas nosas augas nos meses, de maio, agosto e outubro. En dous deles, os ingleses enfrontaronse ós franceses con victoria para os primeiros e con máis de 1600 franceses mortos, 3000 prisioneiros e dez navíos, dúas fragatas e catorce mercantes apresados. No outro, o navío español El Glorioso de 70 canóns cargado con catro millóns de pesos en monedas de prata resistiu heroicamente os ataques de catorce navíos ingleses primeiro nas Illas Azores e posteriormente fronte ó cabo Fisterra. Coa popa destrozada e graves danos lograría chegar a Corcubión para descargar a súa valiosa carga e someterse a unha reparación de emerxencia.

El Glorioso fondeado en Cádiz (1746). Lámina de Carlos Parrilla (Custom) El Glorioso fondeado en Cádiz (1746)

O exemplo do que lle pasou a El Glorioso podemos poñelo en relación coa opinión do enxeñeiro Juan de la Ferriere, quen seguindo as ordes da Real Xunta de Fortificacións non dubidaba da necesidade de construir baterías en la ría de Corcubion para el resguardo de los navios de SM y sus vasallos que transitaren por el cabo de Finisterre... donde o por falta de viento o por otros fines, y hazer el corso en las embarcaciones del Norte que siempre vienen a reconocerle, (es necesario tener) algunos abrigos resguardados para las nuestras (embarcaciones) con la retirada segura por no averla en aquellos parages. Calculaba tamén que na mesma poderían resgardarse entre 16 e 18 navíos de guerra.

Ademais, a posición xeografía da costa galega permitía ter puntualmente informada á  Flota de Indias e ós territorios americanos diante dos posibles ataques ingleses. E tamén facilitaba o coñecemento dos contactos de Londres con Xibraltar e con outros enclaves do seu extenso imperio. Por iso se fixo tan importante a necesidade dun mellor coñecemento dos nosos portos e rías. En moitos casos, a pesar de ser moi valorados polas súas características orográficas, non contaban cunhas mínimas defensas pero no século XVIII amosarase un interese cada vez maior dada a súa valía desde o punto de vista militar o que queda corroborado nas diferentes fontes documentais  conservadas. Pouco despois do remate das obras dos castelos de Ameixenda e Corcubión, o enxeñeiro Francisco Llobet, na súa Descripción de las Plazas y Puestos Fortificados del Reino de Galicia,de sus costas y fronteras[…] con noticia de las proyectadas y de las aprobadas (1757), seguía a deixar constancia de que non se contaba cun posto de defensa coas suficientes garantías diante dunha hipotética invasión. E iso que desde a década de 1740 en plena guerra cos ingleses, como acabamos de ver, e as seguintes foron dunha intensa actividade constructora e incluso dun maior coñecemento das rías e o seu calado, con estudos en Pontevedra, Tui, A Coruña e tamén na Costa da Morte (Camariñas e Corcubión, éstas a cargo da xa nomeado Miguel Marín). Tamén quedará desta época unha ampla labor cartográfica que se iniciará pronto na Escola de  Ferrol.

Mapa da ría de Corcubión de 1754 Mapa da ría de Corcubión de 1754

A estrutura defensiva da costa galega que no s. XVII tería como prazas fortes as cidades de A Coruña, Vigo e Ferrol, ampliarase agora coas fortalezas de Ribadeo e Cedeira polo norte; Camariñas, Fisterra, Corcubión  e Cee, no centro; Marín e Baiona nas Rías Baixas e A Garda, Goián, Amorín, Tui e Salvaterra na fronteira portuguesa.

Centrándonos no máis próximo e a partir dos planos e documentación conservada podemos afirmar que aínda que na práctica só se acabaron facendo as fortalezas do Cardeal en Corcubión e Príncipe en Ameixenda, houbo varios proxectos para ampliar o sistema defensivo da entrada a Corcubión e Cee coa reparación de dous fortes antigos denominados de Santa Cruz ou do Agro no estremo da ría no lado corcubionés e a batería do Fornelo ou do Espiño no lado ceense. Estas baterías atópabanse en desuso e en moi mal estado de conservación. Carlos Desnaux, enxeñeiro militar que xa como coronel sería nomeado segundo de Blas de Lezo na heroica defensa de Cartaxena de Indias, realizou varios informes e planos das baterías da ría de Corcubión no ano 1739. No referente ás baterías antigas dí da primeira que está "partida, arruinada, su cuerpo de guardia sin tejado; el edificio que sirvía antes para recojer los cañones, esta tambien sin tejado..." , mentras que da do Fornelo comenta que si se repara podería albergar catro pezas de artillería e ser de utilidade para a defensa e conservación dos navíos.   O presuposto para facer as reparacións ascendía a 3800 reais no caso corcubionés e 4600 no caso ceense. Ben sexa pola disparidade de opinións dos enxeñeiros  ou  seguramente por dificultades de financiamento nuns intres nos que se están acometendo obras en diferentes puntos das costas galegas, o certo é que finalmente nunca se levarían a cabo esas reparacións e tocaría centrarse nas obras principais que tamén experimentarán diferentes retrasos na súa construción. O afamado enxeñeiro Diego de Bordick no seu ditamen de  decembro de 1739 non lle ve gran utilidade a que se reparen preferindo no seu lugar a construción de  dúas novas pero máis afora da ría, unha no Cabo de Cee e outra na Punta Galera "aunque se limitassen de siette a ocho cañones gruessos cada una, por motivo que queriendo evitar las Loveras no ay mas que un rumbo para entrar en el corriendo sur-oueste-noreste entre el cabo de Cee y el baxo del Carromero pequeño, con la circunstancia de que la nave govierne bien para passar en medio... A súa idea era que estas baterías poderían entorpecer moito a entrada na ría dos brulotes (barcos cargados de materiais inflamables para atacar e incendiar á flota contraria) e barcos corsarios co que as naves españolas poderían poñerse a salvo no máis misero parage de toda la Galicia.

No informe previo á edificación dos castelos do Cardenal e Príncipe, faise unha descrición da entrada da ría e porto de Corcubión incidindo en que "para su seguridad y preserbar de los vageles enemigos, que se refugian en el, e ympedir tambien la entrada, es mui a proposito construir dos baterías en el medio; la primera en la punta del cantelo, parage elevado sin ser dominado de vecina altura alguna, decubriendo vien los navios, que entran en el puerto, en cuia parage se puede establecer dicha bateria capaz para 16 a 18 piezas de a 24 con los quarteles y almacenes correspondientes, cubriendolos todos con bobedas por ser asi mas combeniente respecto la dificultad que procede para hacerlas maderas y el tiempo que es necesario para buscarlas;ademas que cubriendolos con madera y tejas la fuerza de los vientos y lluvias, los arruina en poco tiempo, de que se sigue un continuo gasto, para mantenerlos, lo que se remedia ejecutandolos con bobedas de mamposteria ordinaria. Esta expresada bateria se puede hacer con un foso de 4 a 5 tuesas de ancho en la escavacion, del qual se sacaran las piedras que se necesitan para la bateria y quarteles (tuesa: unidade de lonxitude francesa equivalente a 7 pes de Castela ou a 1,949 metros).

En el parage llamado la punta de la Camboa en frente de la precitada bateria distante de ella 500 tuesas mas o menos, se puede construir otra en forma de porcion circular segun el terreno para contener hasta 12 piezas, observando que siendo este parage dominado de las vecinas alturas, es necesario cubrirla con los quarteles y almacenes que la corresponden, haciendo un parapeto encima de sus murallas y un pequeño foso y un puente siendo tambien combeniente hacer un pequeño retrincheramiento delante de la puerta de entrada para cubrirla y servir en caso de necesidad para la defensa de su frente por la parte de tierra. Esta bateria sera capaz para un buen efecto por descubrir vien y ser baja, que en alta mar no seran los tiros mas elevados que dos tuesas y su abordo dificultoso por las peñas que la circumbalan; lo que se percibe mejor por su plano y perfil".O orzamento previsto para a súa realización ascendía a 45500 reais, dos que 10125 correponderían ós traballos de excavación da pedra e terra, 25920 ós traballos de mampostería nos parapetos, cuarteis, foxo e outras obras, outros 4000 para as pedras de cantería para ós ángulos, portas, ventanais..., 2700 para os dezaoito quintais de ferro labrado a empregar en portas, ventanais.. e finalmente outros 2800 reais para os 356 pes cúbicos de madeira necesaria para a obra.

Os traballos definitivos non comenzarían ata o ano 1744, sendo a culminación dos mesmos obra doutro enxeñeiro francés, algo moi habitual durante os reinados dos primeiros borbóns, Carlos Lemaur seguindo as trazas de Francisco LLobet. Lemaur estudiara na Real Escola de Matemáticas de París e logo dunha intensa carreira militar fora convencido polo embaixador español na capital francesa para incorporarse ó servizo da corona española a partir de 1750. Lemaur deixou numerosas obras por todo o territorio peninsular non só militares senón tamén no ámbito civil, algunhas de gran relevancia como a apertura do Camiño Real entre Galicia e León a través de Manzanal, así como o descubrimento e posta en marcha da minería do ferro e o carbón no Bierzo ou o proxecto inconcluso da canle de Guadarrama que pretendía unir a capital Madrid co océano atlántico. En Galicia, ademáis das baterías defensivas en diferentes lugares hai que salientar no ámbito civil o pazo de Raxoi, mandado construir polo arcebispo compostelán en 1766 na Praza do Obradoiro.

Pazo de Raxoi Pazo de Raxoi

Despois dun periodo constructivo non exento de problemas,  Lemaur acaba as obras dos castelos de Corcubión e Ameixenda no ano 1755. Con estas fortalezas que disparían fogo cruzado do mesmo xeito que os castelos da Palma e San Felipe na ría de Ferrol  dabase un gran salto na defensa da flota e tamén das vilas de Cee e Corcubión, sempre que o ataque procedese desde o mar xa que no caso das incursións terrestres de pouca axuda podían servir como se demostrou medio século máis tarde durante a invasión francesa.

O castelo do Príncipe, nome que se lle deu finalmente en honra do fillo de Carlos III, o que acabaría sendo o rei Carlos IV, é de planta poligonal e tipoloxía de batería circular con hornabeque. Ó igual co castelo do Cardenal,  montaba 12 pezas de artillería noutras tantas troneiras dirixidas cara o mar. Ó amplo adarve que ten, ascendíase por unha rampa ou por dúas escaleiras de pedra; existindo tamén espaldóns resoltos con arcos rebaixados. Un gran edificio que dirixe as súas ás cara os semibaluartes do hornabeque, contiña os servizos loxísticos (dependencias para a guarnición que acadaba os 88 soldados, almacéns e polvorín). O aparello é de cantería ben labrada no seu perímetro exterior e gran parte da súas fábricas interiores, o que lle dá gran realce visto dende o mar ou dende terra, onde tiña o foxo e a ponte para entrar ó centro da cortina.  Así pois podemos ver como este castelo responde perfectamente á tipoloxía das fortalezas defensivas que comentamos con anterioridade.

  • Víctor Castiñeira, Historiador e Técnico de Cultura do Concello de Cee.
 

Castelo do Príncipe

Máis información

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios