Castelo do Príncipe (III): O castelo na actualidade

Ubicado nunha parcela de 33.000 metros cadrados sobre os cantís en plena ría, con 1.900 metros cadrados construidos, nove dormitorios outros tantos baños, acceso a dúas pequenas praias e embarcadoiro, piscina sobre o mar e coidados xardíns,casa para o servizo doméstico, ximnasio... A descrición, aínda que pareza mentira, correspóndese coa que se pode un atopar en diferentes portais inmobiliarios, porque sobre todo nos últimos anos o castelo está en venta e xa cambiou de propietarios en varias ocasións. ¿Cómo se chegou ata aquí? Se ben na segunda metade do século XVIII e primeiros anos do XIX houbo unha incesante actividade bélica e corsaria nas nosas costas, a derrota española en Trafalgar primeiro, a invasión napoleónica (hai constancia documental dunha reunión da Xunta de Defensa de Zona no ano 1809 para coordinar a loita contra os franceses) e a independencia de boa parte das colonias en América que lle seguiu, farán que o papel estratéxico das nosas costas vaia perdendo relevancia polo que a finais do XIX o castelo, ó igual cá outras tantas fortalezas, deixaría de pertencer ó Estado tras poxa pública. A finalidade para a que fora construído non tiña agora razón de ser e os escasos restos do imperio de Ultramar español acabarían desaparecendo pouco despois coa perda de Cuba, Filipinas e Porto Rico en 1898.

O seu primeiro propietario foi o empresario, banqueiro e político fisterrán afincado en Corcubión Plácido Castro Rivas, quen tamen comprará no ano 1892 o castelo de San Carlos. Despois de abandonar a vila de Corcubión, na década dos vinte, fará no ano 1928 unha doazón, que incluía varios bens inmóbeis, á Asociación de Periodistas de Madrid, estando entre eles o castelo do Príncipe, que nun primeiro momento servirá para acoller ós nenos orfos dos xornalistas. Pero está claro que unhas instalacións deste tipo necesitan de mantemento e de certas inversións para a súa conservación polo que a Asociación acabaría por vendelo. Despois de moitas décadas de certo abandono, o castelo pasará por diversas reformas, xa en mans particulares. A máis grande do interior das instalacións e que chega ata os nosos días tería lugar despois de 1985 trala compra do mesmo polo matrimonio formado polo empresario Xosé Ramón Oreiro e a súa dona. Desde entón a austera fortaleza transformouse nunha gran mansión coas comodidades dun lugar de luxo e que conta cunhas magníficas vistas da ría, dada a súa idónea ubicación.
No ano 2006, o castelo foi comprado por un millonario da Rioxa por unha cifra en torno ós tres millóns de euros e con anterioridade, no 2001, saira á venta por 3,6 millóns e no 1999 un anuncio no Financial Times establecera 2,7 millóns nunha poxa que quedou deserta. No 2014 pedían por el 10 millóns de euros e na actualidade está a venta nunha nunha inmobiliaria do sur de España por seis millóns. O seu irmán no outro lado da ría tamén leva varios anos en venta. No ano 2004 o precio de saída era de 2.4 millóns de euros, cantidade que se elevou ata os 3.6 no ano 2007. Houbo un intento de convertelo nun hotel pero sen éxito. Na actualidade o seu prezo de venta ronda os 4 millóns de euros.
- Víctor Castiñeira, Historiador e Técnico de Cultura do Concello de Cee.
Castelo do Príncipe
- Castelo do Príncipe (I): A defensa marítima.
- Castelo do Príncipe (II): O contexto da construción do Castelo e das outras fortalezas defensivas das nosas costas.
Máis información
Novas relacionadas
- Marzo 2017: Víctor Castiñeira debullou a historia do Castelo do Príncipe.
- 2016: Unha viaxe histórica pola época medieval con Víctor Castiñeira.
- 2016: A loita polo Castelo do Príncipe continúa na rede
- Abren unha campaña de firmas para pedir que o castelo da Ameixenda sexa público.
- 2013: Esixen, unha vez máis, a apertura conforme á lei do Castelo de Ameixenda
- 2009: Denuncia pola apertura do Castelo do Príncipe.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)