xoves. 14.11.2024
El tiempo
Viki Rivadulla
10:55
17/12/13

Moirame, o tesouro escondido da Costa da Morte

Moirame, o tesouro escondido da Costa da Morte

Así o chamou meu amigo Manolo Vilar, unha persoa que leva anos loitando por que se recoñeza e recupere o valor deste conxunto único. O nome corresponde a un proxecto que lle encargou o Concello de Muxía, que foi presentado no seu día á Xunta de Galicia e ao Goberno Central e que hoxe dorme nun caixón á espera de mellores tempos, non para a lírica, senón para a cultura en xeral.

Moito se está a falar nestes días de Moraime, e tamén doutros tesouros da nosa terra que non se atopan nas mellores condicións de conservación. Xoias que van esmorecendo nas nosas aldeas dando conta de como é este país, ou de como son quen o gobernan. Xoias que encerran en si o secreto de como dinamizar realmente o turismo e que poderiamos descubrir con só prestarlles un pouco de atención.

E é que o caso de Moraime é escandaloso. É certo que o seu valor foi recoñecido cunha declaración de Ben de Interese Cultural no ano 1972. Un BIC é de “dominio público”, o que se distingue de “propiedade privada”: un particular pode ser propietario dun BIC, pero a Administración protexerá o valor artístico, histórico e cultural do ben. Isto sobre o papel, a realidade é ben diferente.

Non vou estenderme sobre o valor que ten Moraime como centro vertebrador da Costa da Morte, sobre as sucesivas ocupacións que tivo ao longo da historia e que nos falan dun lugar único, importantísimo, sobre tódolos elementos que conforman o conxunto e que dan para estar horas visitando o lugar e a súa contorna, sobre esas pinturas marabillosas que chamaron a atención dende expertos en pintura mural e ata literatos como Manolo Rivas. Nin vou falar do papel de Moraime para traer ata aquí o Camiño ou para crear a lenda da Virxe da Barca.
De todo isto fala moito mellor Manolo. El é coma un Pepito Grilo que peta na nosa conciencia dende hai anos, xa o fixo coa memoria de López Abente e agora faino con Moraime.

Certo é que o Concello de Muxía fixo varios intentos de ser escoitado para recuperar Moraime. E sobre todo para non deixar perder as pinturas murais que están a moi pouco de desaparecer para sempre. Pero non foi suficiente. Logo nos lamentaremos e sairemos todos chorando polo que puido ser e non foi.

Os políticos non saben de todo, é evidente, e máis nos últimos tempos. Tampouco teñen por que sabelo. Felipe Senén- outro loitador polo patrimonio cultural de Galiza- sempre di que "o máis listo non é o máis listo, senón o que ten os teléfonos de tódolos listos". E así é. Saber asesorarse e escoitar a quen sabe é unha virtude que escasea nos políticos.

Estamos nun momento de crise importante, pero con todo fanse inversións en programas de dinamización turística porque é certo que algo hai que facer con esta Costa da Morte que adoece da falta de tantas cousas no que se refire a atención por parte da Administración.
A pena é que a maior parte das veces a inversión vaise para proxectos de pandeireta – ollo nada que ver coas miñas amigas as pandereteiras ás que respecto moitísimo- que quedan moi ben na prensa pero que , os e as que andamos a pé de rúa sabemos que quedan en nada.
Construcións megalómanas, proxectos desconectados da realidade social e cultural feitos por expertos en marketing pero sen asesoramento de historiadores, sociólogos, etnógrafos etc… dan ao traste coas esperanzas dunha inversión que realmente recupere aquelo que son os nosos recursos identitarios , aqueles dende os que se fundou a nosa comarca e que son os que encerran en si os verdadeiros elementos dinamizadores: unha historia que contar, uns elementos culturais que esperten interese e fagan vir ata aquí a moitas persoas.

Selvita a maior divulgadora do legado de Moraime-Foto-Xerardo Haz Lema

Os recursos xa están aí, pero mentres se van perdendo no esquecemento os cartos vanse indo en historias que alguén vendeu – moi ben, por certo- en algún despacho, e que colou. Diso non quedará nada. E se isto segue así, de Moraime tampouco. Un día contaremos con diapositivas o que foi Moraime, “aquí había unas pinturas únicas en Galiza…, aquí un hipocausto…aquí…”.Pamplinas. Deixámolo marchar.

Eu tiven o privilexio, canda nena, de baixar co meu pai ás escavacións que fixo en Moraime Chamoso Lamas. Selvita andaba por alí contando a historia de Moraime. E aínda segue contándoa, quizais a persoa que con máis intensidade dá a coñecer o tesouro que ela recrea á súa maneira pero que sabe valorar tan ben.

A lembranza de estar entre aqueles esqueletos , no medio do xacemento, sentir que estaba nun lugar onde había tanta historia, obrígame a dar a miña opinión hoxe. Porque cando gardamos silencio somos cómplices da destrución da nosa cultura. E eu non quero selo. Non sei que podemos facer , pero hai que facelo xa.

Novas relacionadas

Máis información

Outros artigos de Viki Rivadulla

Fonte

Comentarios