Mércores. 11.12.2019
El tiempo

Recuperando o poder do conxunto de Moraime

Recuperando o poder do conxunto de Moraime

Achegarse a un lugar tan emblemático como Moraime é algo indispensable. Pero facelo da man de dous especialistas como o antropólogo Manuel Vilar e o mestre Xan Fernández Carrera xa é un luxo. Así, foron máis de 30 persoas as que participaron o pasado sábado 7 de xullo, na visita guiada que organizou o Concello de Muxía para difundir a enorme riqueza cultural do conxunto de Moraime.

O grupo de participantes reuniuse ás 9:30 horas diante da Casa do Concello e partíu camiñando polos lugares de Figueiras de Abaixo, Oruxo e Casasnovas, ruta na que oficiou de guía Xan Fernández. Á chegada a Moraime o grupo foi recibido pola técnico de cultura municipal, Viki Rivadulla, coordinadora da visita e alí, os participantes puideron disfrutar dunha ampla e interesante exposición, por parte de Manuel Vilar, que dentro da igrexa fixo un percorrido pola historia e os elementos destacables de este enclave declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Manuel Vilar fixo unha exposición na propia Igrexa de Moraime

A esta exposición asistiu tamén o párroco do lugar, D. Ramón Insua Lobelos, así como veciños de Muxía, e persoas que se achegaron a disfrutar da ruta dende Carballo, Santiago, etc... tamén había caras coñecidas da comarca, como o poeta Miro Villar ou o arqueólogo Pablo Sanmartín.

Os asistentes, logo da interesante charla, puideron visitar in situ os lugares de interese (dende a igrexa, os restos arqueolóxicos, as pinturas murais, o busto obra de Asorey que se atopa no cemiterio, as cortes, reitoral, etc...) e achegáronse ata a Pena da Forca e a mámoa que está ao seu carón, no alto da Carrúa, lugares dende os que se disfruta dunha panorámica da vila e a ría. Logo percorreron o tramo final ata a vila, pasando pola ermida de San Roque e a praia de Espiñeirido.

Comezando a posta en valor

Esta visita guiada, ademais de servir como momento de lecer e formativo, quere ser un punto de partida para reclamar atención sobre o maior conxunto monumental da comarca, sen o cal non pode entenderse a historia de Muxía e a súa contorna.
O mosteiro de Moraime, centro cultural importantísimo na Idade Media (aquí se educou o rei galego Afonso VII), segue a ser un grande descoñecido e é preciso un labor de divulgación que ha de ir precedido dunha serie de actuacións de conservación e posta en valor como é a urxentísima necesidade de restauración das pinturas góticas murais do interior do templo.

O Concello de Muxía traballa na actualidade nesta liña e xa presentou á Xunta de Galicia e ao goberno central un proxecto de recuperación e posta en valor do conxunto de Moraime, proxecto coordinado polo antropólogo Manuel Vilar.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios