Martes. 05.11.2024
El tiempo

Patrimonio e turismo na Costa da Morte

Patrimonio e turismo na Costa da Morte
Arca da Piosa, unha mostra do patrimonio cultural da Costa da Morte Arca da Piosa, unha mostra do patrimonio cultural da Costa da Morte O patrimonio podémolo definir como o conxunto de bens de tipo natural e cultural pertencentes a unha colectividade. O patrimonio natural comprendería todos aqueles bens paisaxísticos, xeolóxicos, botánicos ou zoolóxicos, e dentro do patrimonio cultural, incluiríamos tanto bens de carácter material como os arqueolóxicos, arquitectónicos ou etnográficos, como aqueles outros de tipo inmaterial como a lingua, a literatura, a música ou tradicións como as lendas. Todos eles representan a mellor herdanza legada polos nosos antepasados. Os que actualmente habitamos nun territorio, como neste caso sería a Costa da Morte, non somos os propietarios de todo ese pasado patrimonial, senón que nos corresponde o papel de usufrutuarios do mesmo, e o compromiso de conservalo, e a poder ser, enriquecelo e melloralo, para logo cederllo as vindeiras xeracións. Este dereito de usufruto permítenos a posibilidade de poñelo en valor e sacarlle un rendemento económico, sempre que se faga de maneira sustentable, convertendo parte dese patrimonio en recursos turísticos que xeren un beneficio que repercuta nos habitantes da comunidade que dispón desa riqueza. Para levar a cabo este aproveitamento sería necesario en primeiro lugar identificar aqueles elementos patrimoniais de maior valor, tendo en conta a súa singularidade con respecto a outros que existen no territorio. Estes considerariámolos medios turísticos de primeira categoría e constituirían a cerna da planificación turística, complementándoos con outros lugares de interese que haxa ao seu redor. Realizouse na Costa da Morte unha identificación e localización destes bens patrimoniais de singular importancia para logo levar a cabo unha planificación turística axeitada no territorio? Ou aínda está este labor por acometer? Cales serían estes lugares de maior interese sobre os que debería xirar o proxecto turístico desta nosa rexión costeira? Aínda que esta escolla ou selección lle correspondería facela a un equipo interdisciplinar de expertos en diferentes áreas, eu voume atrever a propoñer unha relación daqueles recursos de maior realce que deberían liderar esa planificación turística desta nosa Costa do Solpor. No aspecto natural, resulta doado recoñecer que a nosa bandeira azul neste apartado represéntaa a paisaxe costeira. Unha maneira de sacarlle un rendemento turístico a este recurso sería facilitar o contacto con este medio litoral, pero de xeito que non afectase á súa conservación. A proposta de rutas a pé, como é o caso do Camiño dos Faros, resulta acertada, sempre que vaia acompañada da posta en valor doutros lugares de interese que se atopan ao longo do percorrido, para non quedar nunha simple camiñada. En zonas do interior tamén dispoñemos de paisaxes atractivas vinculadas aos ríos, que se poderían aproveitar. Dentro do eido natural incluiríamos tamén os recursos xeolóxicos, algúns deles de primeiro nivel no noso territorio. Os penedos de Pasarela e Traba, o monte Pindo ou a desembocadura do Xallas, entrarían dentro desta categoría. Relacionada co mundo natural tamén está a ornitoloxía. Na Costa da Morte contamos con extraordinarios espazos para a observación de aves como Baldaio, Enseada da Insua, Praia de Traba de Laxe ou as marismas de Caldebarcos e praia de Carnota. Enseada de Trece e monte Branco, un dos símbolos do noso patrimonio natural Enseada de Trece e monte Branco, un dos símbolos do noso patrimonio natural Polo que respecta ao patrimonio cultural a oferta é máis diversa, e polo tanto, máis difícil de seleccionar aqueles recursos de máis valía. Aquí incluímos o patrimonio arqueolóxico, arquitectónico, etnográfico ou gastronómico, e tamén o conxunto de bens inmateriais. A excelencia no noso patrimonio arqueolóxico estaría representada pola cultura megalítica, sobre todo polas antas ou dolmens, de aí a necesidade de poñer en valor estes restos arqueolóxicos e a torpeza de non crear o prometido Parque do Megalitismo. En relación con este patrimonio estarían tamén castros, petróglifos e restos romanos e visigóticos, que complementarían este campo. No patrimonio arquitectónico podemos diferenciar entre o relixioso e o civil. Nesta zona non dispoñemos dun gran mosteiro ou dunha catedral, que sería un ben exclusivo de primeira magnitude, pero temos magníficas mostras do románico rural, do gótico mariñeiro ou do barroco. San Xiao de Moraime, Santa María da Atalaia de Laxe ou Santa María das Areas de Fisterra son bos exemplos. Sería preciso que todas estas igrexas salientables abriran as portas aos visitantes, cando menos, en Semana Santa e verán. Dentro da arquitectura civil dispoñemos dalgunha construción de singular valor. En Galicia hai moitos pazos, e algúns grandiosos, pero da antigüidade das torres do Allo, consérvanse moi poucos, de aí o seu carácter sobranceiro. Tanto as torres de Mens como a castelo de Vimianzo, son excelentes exemplos de fortalezas medievais. Os faros tampouco non son exclusivos desta nosa costa, pero o enclave e a elegancia do faro Vilán, resulta difícil de superar, polo tanto, representa un notable recurso, enriquecido pola zona costeira na que se atopa. O patrimonio etnográfico tamén puido significar un gran atractivo turístico, tendo en conta que esta nosa rexión comprende costa e interior. Non obstante, non fomos capaces de musealizar esta riqueza cultural. Tan só, grazas ao esforzo de veciños e asociacións, se conservou o conxunto de muíños e batáns do Mosquetín e outras pequenas mostras espalladas polo territorio. No eido da artesanía dispoñemos de dous recursos de gran recoñecemento: o encaixe de Camariñas, que se elabora sobre todo na contorna desta ría, e a cerámica de Buño, cunha gran tradición. Isto fai que estas dúas vilas sexan lugares destacados que cómpre visitar. A gastronomía constitúe outro dos nosos grandes potenciais e representa un magnífico reclamo turístico. A adecuada conservación e extracción de produtos, sobre todo mariños, que constitúen a principal materia prima dos nosos pratos, así como a maneira de elaboralos, será esencial para o aproveitamento desta riqueza. No apartado literario dispoñemos dunha figura senlleira, Eduardo Pondal, que pode significar un excelente atractivo para achegarse a aqueles lugares relacionados coa súa obra literaria. O seu centro neurálxico sería a vila de Ponteceso, onde se atopa a súa casa natal. A obra de Pondal préstase para trazar unha ruta literaria arredor dese núcleo, e tamén para potenciar outros bens patrimoniais que aparecen citados na súa poesía como os dolmens ou os penedos de Pasarela e Traba. Por último estaría o rico patrimonio inmaterial, un dos grandes atractivos da Costa da Morte. O propio nome desta rexión contén un simbolismo lendario que a converte nun lugar mítico que invita a visitalo. Ademais de ter relación coas numerosas catástrofes mariñas que se produciron neste litoral, tamén participa do simbolismo da “morte” do sol no Atlántico, lugar, segundo as antigas crenzas, no que se atopaba o Máis Alá, esa illa dos Benaventurados, ao que se dirixían as almas dos mortos. Precisamente neste peregrinar espiritual cara ao occidente estaría a orixe do camiño de Santiago e a tradición da chegada dos restos do Apóstolo a Galicia nunha barca de pedra. Tanto Fisterra como Muxía están relacionadas con esta tradición do Camiño e coa lenda do Apóstolo Santiago e isto converteunas no final da ruta xacobea e nos lugares máis visitados da Costa da Morte. Ser capaz de transformar toda este frutífero patrimonio en oportunidades turísticas e levar cabo a súa posta en valor de maneira sustentable, debería ser o principal obxectivo dunha axeitada planificación turística, buscando estratexias eficaces de aproveitamento. Ao mesmo tempo tamén sería necesario realizar unha distribución territorial equilibrada dos visitantes, evitando aglomeracións en puntos concretos que corren o risco de degradarse. A maioría dos nosos visitantes entran a través do camiño xacobeo de Fisterra e Muxía, pero por falta dunha planificación axeitada, a súa estancia é moi curta, e como consecuencia, a incidencia económica resulta moi reducida. Cómpre logo, ofertarlles outros medios atractivos para que permanezan máis tempo. Pero se a zona sur da Costa da Morte posúe o gran atractivo do Camiño, a zona centro e norte están quedando arredadas desta afluencia de visitantes por non aproveitar axeitadamente os recursos dos que dispón. O seu rico medio natural, como a costa ou lugares como os penedos de Pasarela e Traba, xunto coa riqueza da cultura megalítica, poderían representar ese talismán necesario para unha maior atracción de visitantes nesta parte do territorio.
  • Xan X. Fernández Carrera.

Comentarios