Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Seguiremos limpando o mar

Seguiremos limpando o mar
O lixo convírtese en crebas nas limpezas de Mar de Fábula O lixo convírtese en crebas nas limpezas de Mar de Fábula No vindeiro ano, en Mar de Fábula seguiremos coa nosa teima mensual de limpezas do mar aínda que, despois de cinco anos, sabemos ben que só estamos atacando os síntomas da enfermidade, dunha grave enfermidade crónica chamada capitalismo que, coa súa impecable eficacia de producción, loxística e marketing, ten elaborado un mecanismo consumista compulsivo que está a facer de nós, a facer do mar, un sumidoiro de lixo para que a festa consumista non pare impedíndonos ver, a realidade dun mundo limitado e finito. Mais seguir estando aí, na base de todo, seguir apañando coas nosas mans o lixo mariño que o mar nos devolve, danos a lexitimidade precisa para levantar a nosa voz en contra dun sistema de producción e consumo que, de manter este ritmo, de non parar e recapacitar, ímoslles deixar ás próximas xeneracións moito trebello tecnolóxico pero tamén moitos desertos e suciedade. No pasado mes de novembro Mar de Fábula recibiu un dos premios COGAVE que todos os anos a Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” concede ás asociacións que teñan destacado, nun determinado eido, na defensa dos intereses da cidadanía galega. No noso caso, o premio veunos concedido polo noso traballo de limpeza e coidado do medio mariño. No acto de entrega do premio ( unha pomba de cerámica de Sargadelos) eu, a nivel persoal sentín unha fonda emoción por un doble motivo: Por unha banda e despois dun ciclo de cinco anos, o noso traballo de limpeza da ribeira tiña acadado a suficiente visibilidade para chamar a atención, un dos nosos obxectivos de cara a movilizar conciencias. Por outra banda, este premio éranos concedido polas organizacións de veciños, pola xente de a pé, non viña das altas esferas e as súas parafernalias litúrxicas valeiras de contido. O premio que recibían as nosas mans viña porque antes as nosas mans fixeran un traballo para merecelo. Este recoñecemento veunos a dicir que imos polo camiño correcto. Temos que estar coa xente de a pé, do común, temos que organizarnos a nivel de rúa, a nivel de praia, afastarnos do poder. A única esperanza para a sustentabilidade ambiental e social do planeta radica en nós, na xente do común, na nosa capacidade e vontade de interiorizar o coidado da natureza coma unha necesidade vital máis, como a necesidade de comer. É patético ver o espectáculo que montan os líderes políticos a nivel mundial, incapaces de acadar acordos que frenen o cambio climático, incapaces de resolver os dramas do terceiro mundo cos seus países históricamente esquilmados polo colonialismo e que hoxe, deslumbrados os seus habitantes polo brillo do consumismo, súbense a bordo de fráxiles pateiras porque queren fuxir da pobreza e sumarse tamén á festa. Coas luces da verbena montada polo alcalde de Vigo incitando ao consumo e a ser felices comprando, non me extrañaría que algunha desas pateiras puidera entrar pola ría de Vigo. As últimas fornadas de líderes políticos mundiais, engreídos, déspotas e reacionarios, non son máis que monecos manexados polas grandes corporacións financieiras, polos grandes fondos de inversións, polos grandes oligopolios, en definitiva, polo capitalismo global, polo diñeiro, o poder absoluto, que fai dos seus poseedores seres intocables, divinizados, lonxanos, coas súa caras ( cando deixanse ver nos media ) sempre retocadas en busca da eterna xuventude, cómo non ! Co ben que o pasan neste mundo non o queren deixar !.Mentras, as masas camiñan polas rúas coma zombis manexados por control remoto, cos ollos fixos nas pantallas dixitais, alleas a todo o que lles rodea. A industria do entretenimento é unha formidable ferramenta de manipulación en mans do poder e dentro dela, a industria turística dos cruceiros é a quintaesencia dos inventos do capitalismo para o entretenimento e divertimento das masas. E o grave é que a industria turística dos cruceiros desenvólvese nos océanos, un mundo fráxil e ameazado, cheo de feridas producidas polo noso comportamento irresponsable. Seguiremos atacando os síntomas da grave enfermidade do capitalismo, da grave contaminación mental coa que nos ten aferrollados sabendo que, a única solución para sanar a nosa relación coa natureza pasa por un replantexamento de prioridades e valores no ser humano. No vindeiro ano, seguiremos limpando o mar.  

Outros Artigos de Xosé Manuel Barros

  https://quepasanacosta.gal/carta-aberta-ao-papa-francisco/

Comentarios