Martes. 30.04.2024
El tiempo

Fisterra

Os Orzamentos de Fisterra terán que esperar

O pleno deste pasado xoves en Fisterra ía acoller un dos puntos máis importantes do curso: os Orzamentos. Pero finalmente, a alcaldesa propuxo retiralo da orde do día e o Pleno votou a favor da proposta (votos a favor dos grupos de Alternativa dos Veciños, BNG e PSOE).

A situación chega pola falta de consenso dos tres grupos progresistas do pleno. Viña a semana cargada coas queixas do BNG por non ter negociado os orzamentos. O grupo de goberno de Alternativa dos Veciños recollía o cable e convocaba aos nacionalistas a unha reunión, na que acordaron incluír nos orzamentos as obras de remate dos saneamentos nos lugares de Castro, Denle, Vilar e Castromiñán, así como a pavimentacións das seguintes rúas: Escaselas, da Crus de Baixar, da Foliada e Vasco Peres Mariño.

Se ben o PP xa trasladara a súa posición en contra, quedaba pendente o acordo co PSOE, algo que non se puido conseguir a tempo. O PSOE trasladaba durante a mañá que ía absterse polo que as contas non saírían adiante.

Dende o grupo de goberno esperan volver negociar para poder sacalos orzamentos o máis rápido posible nun previsible pleno extraordinario.

Outras mocións

Ademais, aprobouse por unanimidade da Corporación unha moción presentada pola voceira do BNG, Tereixa Fernández, de apoio ás reivindicacións do feminismo galego, instando ao Concello a que apoie e difunda as convocatorias que realicen os colectivos feministas galegos ao longo do ano. E pedindo á Xunta de Galiza a que aposte pola igualdade no ensino, que impulse unha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas, e que desenvolva unha lei de igualdade no deporte.

Tareixa aproveitou para amosar o seu apoio á concelleira do BNG de Muxía tralos insultos e manifestacións machistas vertidas polo alcalde muxián.

 

Os Orzamentos de Fisterra terán que esperar