Domingo. 03.11.2024
El tiempo

Mazaricos

Mazaricos presume de Ruta de Fervenzas

Fermosísismas as Fervenzas de Mazaricos. E fermoso este vídeo que trata de amosar a beleza da ruta que o Concello vén de actualizar para poñer en valor estes 5 singulares recunchos.

A “Ruta das Fervenzas” ofrécenos un percorrido que inclúe camiñadas, tramos en coche, e mesmo recomendacións gastronómicas, para visitar as cascadas de Vioxo-Chacín, de Santa Locaia, de Fírvado, da Noveira e de Gosolfre.

Para promocionar esta Ruta, a concellería de Turismo, en colaboración co técnico de Cultura do Concello, Suso Jurjo, vén de programar unha mini-rutas para desenvolver ao longo do outono a todas as fervenzas. A primeira delas foi pola de Vioxo-Chacín o pasado día 26, pero as prazas esgotáronse de contado.

A vindeira microruta promocional vai ser o 10 de outubro á Fervenza de Gosolfre, con saída 16.00h dende Pino de Val, para realizar unha ruta circular, de dificultade media-alta, de 2h e media de duración e con merenda ao remate.

A ruta completa

CARTEL_RUTA das Fervenzas de Mazaricos

A proposta que parte desde a concellería de Turismo do Concello ten unha fin de semana de duración. Nela recoméndase ir a mañá do sábado camiñando desde Pino de Val ás fervenzas de Vioxo-Chacín e Santa Locaia, ambas na parroquia de Chacín. A tarde quedaría reservada para achegarse en coche á Fervenza de Fírvado, aínda en Chacín e á da Noveira, na parroquia de Arcos. A recomendación para rematar o día é ver o solpor desde o Mirador Padre Sarmiento, no que converxen, nunha vista única, o Pindo, Fisterra, o Atlántico e a presa do Encoro de Santa Uxía.
Deste xeito, a mañá do domingo quedaría reservada para a fervenza de Gosofre, que é a que ten unha ruta máis esixente e non apta para persoas que non estean acostumadas ao sendeirismo.
Por orde, os accesos máis fáciles son Noveira, Santa Locaia, Fírvado, Vioxo-Chacín e Gosolfre, se ben a única complexa é esta última.

AS FERVENZAS, unha por unha

- FERVENZA DE NOVEIRA (xa recollida nos Recunchos da Costa).

Fervenza de NOVEIRA en Mazaricos
O río de Arcos atravesa a parroquia do mesmo nome e desemboca no Xallas. Boa parte do seu percorrido é por un cauce no que aflora a rocha viva. Se a isto engadimos que na súa parte final o terreo que rega é bastante accidentado, con importantes saltos de nivel, temos as condicións perfectas para que se produzan fervenzas dunha especial singularidade. A pedra desta magnífica fervenza da Noveira está en lenta pero continua transformación debido ás poderosas correntes que a van esculpindo e forman pozas idóneas para o baño en verán, cando o caudal do río é menor. O resultado está á vista: unha deslumbrante combinación entre o telúrico e o acuático que nos recorda o esplendor barroco da “Fontana di Trevi” e da Fonte dos Catro Ríos, as dúas na cidade de Roma.

 

- FERVENZA DE SANTA LOCAIA DO BURATO

Fervenzas de LOCAIA de Mazaricos

A Devesa de Chacín esconde currunchos únicos onde o outono provoca un estalido de luces, sombras e cores realmente máxicos que nos somerxen nun lugar de conto que nos traslada ao “Bosque animado” de Wenceslao Fernández Flórez. Encravada nun barranco socavado polo río que atravesa esta devesa, atópase a fervenza de Santa Locaia que toma o seu noma da ermita situada a escasos metros. Un curruncho absolutamente único coñecido polos lugareños como “O pozo das Campanas”, denominación que esconde unha fermosa lenda: Din que uns asaltantes chegaron ata a capela de Santa Locaia coa intención de roubar a súa campá, cousa que fixeron. Na súa fuxida pola escura e accidentada carballeira, intentaron cruzar o río “Vao de Denonciña” saltanto á outra beira coa campá a costas, pero a causa do espeso musgo que cubría todo resbalaron e caeulles á auga. Esta caída provocou, milagrosamente, o desplome do terreo que deu lugar a esta preciosa contorna na que se funde a forza da vexetación autóctona, a poderosa potencia da fervenza e o misterio das augas subterráneas que flúen desde o furado, o burato que lle dá nome.

 

- FERVENZA DE VIOXO-CHACÍN

Fervenza de vioxo-chacin en Mazaricos

A Devesa de Chacín esconde diversos tesouros. Máis alá da beleza tamizada pola luz entre as árbores que agasalla a quen pasea por ela, alberga tamén unha singular fervenza. Durante os meses de máis caudal ten unha caída espectacular de dez metros grazas á auga que provén do Rego do Casteliño. O son vibrante que produce sumado ao feito de que está nunha fondeira, provoca no visitante unha percepción intensa de aromas, cores e elementos naturais difícil de describir.

 

- FERVENZA DE GOSOLFRE:

Fervenzas de GOSOLFRE de Mazaricos

Desde a agra que circunda a aldea de Gosolfre ata as ribeiras dos ríos de San Paio e de Santa Locaia –os dous na procura do mar da ría de Noia- atopámonos cunha pronunciada pendente cuberta de exuberante e frondosa vexetación autóctona onde os carballos son a especie principal. Este violento declive do terreo conforma unha carballeira tan espectacular coma de difícil acceso, moi axeitada para ver ao lonxe ou para internarse na súa espesura nalgúns treitos ou por algúns carreiros que só coñecen os veciños da contorna. E, no medio dese espectáculo atopamos, cunha pronunciada caída, a Fervenza de Gosolfre.

 

- FERVENZA DE FÍRVADO:

Fervenza dos FÍRVADO de Mazaricos

A unión de dous ríos rodeados de vexetación fai un auténtico paraíso de fervenzas e pozos. Pozos como o chamado “Pozo Negro” onde, segundo conta a lenda, o día de San Xoán, antes do amencer, unha gran grade de ouro emerxe das súas profundidades.

Máis información

Mazaricos presume de Ruta de Fervenzas