Domingo. 19.05.2024
El tiempo

Muxía

Un maratón de lectura nos Muíños polo Día do Libro

Hai accións ben orixinais para celebrar o Día do Libro. Este martes 23 de abril, os alumnos e alumnas do CEIP Os Muíños de Muxía celebraron o xa tradicional “Maratón de Lectura”. Durante mañá e tarde, e só coas obrigadas pausas do recreo e xantar, as rapazada do cole foi lendo unha marea de textos que teñen relación co Proxecto Documental Integrado deste ano, "Confín dos Verdes Castros”, no que investigan sobre os poboadores da nosa terra na idade de ferro, coñecidos como "cultura castrexa".

O maratón consistiu en ir lendo, en público, e por relevos, pero na xornada non só participaron os alumnos e as alumnas, senón tamén mestras e familias, facendo unha fermosa xornada de toda a comunidade escolar.

"O ladrón de mel", da serie "Os Pequenos Barbanzóns", de Pepe Carreiro, foi o escollido polos máis pequenos, mentres que "O misterio do torque de Burela", de Antía Yáñez, foi o que leu alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria.

Unha demostración do poder das bibliotecas escolares. Neste caso, a do centro muxián forma parte do novo proxecto Autonómico Bibliotecas Lía_3, que permitiu no curso 2021/2022 realizar unha profunda transformación física, e permitir a creación de novos espazos (radio, robótica...) para dar resposta ás necesidades e esixencias de formación neste século XXI.

Un maratón de lectura nos Muíños polo Día do Libro