Venres. 26.04.2024
El tiempo

Santa Comba

O PSOE de Santa Comba non acodiu ao pleno e avisa dun "cambio de rumbo en xuño"

Este luns tiña lugar un novo pleno en Santa Comba. Un pleno ordinario, fixado habitualmente para o último venres de mes, pero que foi aprazado o pasado mércores ata o luns, pola inauguración do novo céspede do campo de Fontenla.

Foi esta a razón pola que os 6 edís do PSOE non acodiron. ”Os plenos ordinarios non son dispoñibles, están fixados para garantir a presencia dos concelleiros, e garantir a democracia. Se un señor cambia o pleno sen consultar, altera o réxime de maiorías”, explica o voceiro socialista Ucha Velo. “Non é entendible que cambies un pleno por unha inauguración dun campo de fútbol que era ás 17:30h. Ás 20:30h xa non había concurrencia de actos”, explica Ucha Velo.

Unha inauguración á que por certo, o grupo socialista, nin a Concelleira de Deportes, asistíu, porque “todo se fixo de costas á Concelleira de Deportes. Non imos asistir só a aplaudir ao alcalde. Non creo que sexa forma de tratar ao socio de goberno, invitarnos por carta entregada en man pola Policia Local”, sinala.

”En xuño van cambiar as tornas”

“El goberna en solitario e compórtase como socio desleal”, denuncia o PSOE reiteradamente. “Non conta para nada con nós, sen ter en conta que ten a “potestas” pero non a “autoritas””, explica en relación á lexitimidade dos resultados electorais. “A partir de xuño, as cousas cambiarán”, explica aludindo á data na que o “pacto de goberno” provocaría que a alcaldía recalase de cara aos dous últimos anos de lexislatura no propio Ucha Velo. “É o pactado”, sinala, aínda que é consciente de que “xuridicamente non obriga a nada”, polo que ten varias vías de saída. “Coa miña experiencia sei que é moi complicado que alguén acabe unha lexislatura en Santa Comba”, valora. ”Estamos prolongando unha situación, si, pero non imos aguantar estes abusos de poder. Non podemos estar supeditados ao que di unha soa persoa”.

Cuestións do pleno

O pleno aprobaba unha proposta presentada polo PP para axudar aos pequenos comercios, e o alcalde David Barbeira comprometeuse a levala adiante unha vez se realicen os informes pertinentes e analizar a situación económica.

A voceira popular María Pose, despois de presentar a moción puxo sobre a mes que “se me echa de menos neste concello”, ao analizar uns informes laborais que aínda recollen escrito en varias ocasións o “decreto da alcaldesa”.

Esther Espasandín preguntou por cifras. “Gracias por facerme entrega do informe de execución do orzamento que pedira, pero non me cadran as contas arredor de varias partidas de gastos ao grupo das dedicacións exclusivas (do alcalde, asesor, e os dous edís do PSOE); así como a partida para os plenos”. O alcalde asegurou que estudarían as contas.

Pola súa parte, Silvia Cancela preguntou pola posible reapertura das instalacións deportivas. O alcalde repasou as decisións tomadas entre a Concelleira de Deportes e o alcalde, facendo o seguemento das cifras do COVID, pero Cancela insistiu na creación dun protocolo para a reapertura inmediata. Barbeira sinalou que “a miña intención é abrir todo a partir de xaneiro”.

Un dos temas que provocaron unha elevación da tensión do pleno foi a situación das carencias nos baños do Colexio Barrié, que obriga aos nenos e nenas a facer as súas necesidades na rúa. Un asunto posto sbre a mesa pola concelleira popular Esther Espasandín, que espera que se tomen medidas urxentes.

O PSOE de Santa Comba non acodiu ao pleno e avisa dun "cambio de rumbo en xuño"