Seguimos coas historias das mulleres da comarca da man do proxecto A Costa das Mulleres, que pon en valor a labor das mulleres do rural dende distintas perspectivas persoais.
Hoxe ensinámosvos a historia de Carmen Riveiro, unha artesá zaense que é referencia na Costa da Morte polo traballo que desenvolve en prol da difusión do proceso cultural que engloba a elaboración de prendas de liño.
Carmen, que é a presidenta da asociación "Amigos do Liño", conta no seu vídeo que aprendeu a traballar co liño da man de persoas maiores que lle ensinaron e axudaron a sementar o liño. Riveiro tamén recorda que xa do seu tempo o liño era unha tradición que quedou no olvido, tiña algunha lembranza da Festa da Fía, pero ningunha do liño en si.
Dende a súa perspectiva, como muller, a zaense indica que "este é un traballo para mulleres", pola paciencia e insistencia que hai que ter, cualidades que destacan según ela no carácter feminino, asi como a constancia e a terquedade. "Eu son muller e se non gano, empato", afirma con rotundidade Riveiro.
Finalmente, Carmen fai unha reflexión sobre o comercio e a artesanía e indica que esta é unha profesión da que se pode vivir perfectamente. Ademais, anima á xente a comprar os productos autóctonos, xa que son "máis duros e auténticos e son cartos que se moven entre nós", explica a zaense.