Viki Rivadulla e Manolín demostraron a arte que ten a Costa da Morte



Foi unha fin de semana chea de arte costeira. E dous dos protagonistas son bos amigos desta casa. A artista muxiá Viki Rivadulla, colaboradora en QPC, e mais o poeta corcubionés Manolín, protagonizaron sendos actos onde a emoción foi a protagonista.
Pintura con Viki Rivadulla
En marcha a primeira das 3 exposicións de Viki Rivadulla na Costa. O pasado venres tiña lugar o acto de inauguración de "O meu mar" en Malpica. Alí estivo Viki, xunto co representante do Concello de Malpica, e mais eu , participaron no acto Paco Souto, que foi ademáis o encargado de conducir a presentación, Paco de Tano e X. H. Rivadulla Corcón, "tres poetas grandes que aman o mar". Os amigos tiveron un detalle máis coa artista, e regaláronlle un cartafol que levaba dentro unha partitura de Serxio musicando un poema de Paco Souto, cun poema e un debuxo de Paco.
En poucos sitios cadrará tan ben esta mostra salgada como en Malpica, unha vila mariñeira que sempre prestou a Rivadulla. "Os mariñeiros e as redeiras dos meus cadros han de atoparse moi a gusto estes días nunha vila tan deles, tan de mar", expresa.
Este da dereita é un cadro de Viki que irá na mostra do Couto, e que casa moi ben co poema de Paco musicado por Moreira. É do tríptico "Trepia" e...
(...) Esa Galiza
un país en paxes
Na cabeza das mulleres.
(fragmento. Paco Souto)
A mostra, artellada polos bravos de Caldeirón, que por certo teñen cita cos seus libros hoxe en Muxía, permanecerá no centro cívico de Malpica ata o 30 de maio. E en breve, terán lugar as inauguracións das mostras en O Couto e mais en Muxía.
As Realidades e Soños de Manolín en Cee

Máis de medio centenar de persoas achegáronse o venres ao recital de Manolín na vila da Xunqueira. Unha mostra da tremenda sensibilidade que ten este home, que amosa as súas diferentes caras no banco e no estrado. "As cousas non son o que parecen" comezaba a súa presentación un dos amigos que se subiron con el ao escenario, Fran Hermida. A voz do Depor non imaxina a Manolín no banco recitando a Celso Emilio, nin tampouco a Manolín no escenario recordando a unha tal "Cristina P...", unha das clásicas frases feitas do poeta nos eidos máis persoais.
O recital, organizado no marco do maio das Letras polo Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Cee, no que Víctor Castiñeira e Manuel Calo demostraron a responsabilidade que non amosou ninguén en Corcubión, a súa vila, foi un percorrido polas súas "Realidades, soños e saudades".
Falou de emigración, de solidariedade e de amor, como nos seus programas da radiONeria, esa emisora que a parálise municipal de Corcubión impide seguir emitindo.
Subiron ao escenario os bravos do Grupo de Baile Xaldón, de Corcubión, que representaron o feitizo do amor e a saudade da marcha. Subiron tamén Saulo e o neto Abraham, para representar unha escena que demostra a tenrura do propio Manolín. E subiu tamén Dolores, a súa filla, que encheu de voz o salón de actos con "Negra Sombra" e "Unha noite na eira do trigo".
Poemas de Rosalía, de Lois Pereiro, de Celso Emilio Ferreiro, de Gonzalo López Abente, foron caendo para o deleite dos presentes, que disfrutaron a cara máis sensible do mestre Manolín.
