Vimianzo consegue a aprobación da mellora da edificabilidade


Foi aprobada pola Xunta a proposta de modificación número 4 das normas subsidiarias do Concello de Vimianzo redactada polo Goberno municipal, adaptando as normas de Vimianzo á Lei do Solo do 2002. Unha modificación que mellora de maneira importante as condicións de edificabilidade no medio rural, permitindo que moitas casas pasen a estar dentro da legalidade. Un avance moi importante sobre todo á hora de restaurar unha casa.
Así, as novas normas permiten construír pegado aos lindes en parcelas vacantes, é dicir, entre edificacións existentes, sempre que xa houbera unha construción ou o propietario da finca lindante o autorice. Tamén se permiten ampliar os cabanotes, a altura das palleiras, podendo amplialas a conta da edificabilidade da parcela, permitindo ademais a construción de edificacións de pranta baixa e consolidando a aliñación definida por construcións tradicionais.
Para o alcalde, Manuel Antelo, a aprobación desta modificación é de vital importancia, pois, por unha banda, legalízanse construcións e aliñamentos existentes e, por outra, facilita as construcións en núcleos rurais. O alcalde está seguro de que a raíz da aprobación destas modificacións serán moitas as familias que opten por restaurar as vivendas que posúen no rural ou que se decidan a construír novas edificacións.
Estas é a primeira modificación que tramita o Concello para tratar de adaptar as normas de Vimianzo a Lei do Solo do 2002. Ademais, e seguindo en materia urbanística, o alcalde asegura que “este mes quedou a Deputación en mandar a documentación para poñernos a traballar sobre o caso puntual da casa de Bamiro”.
Novas relacionadas
Fonte
- Concello de Vimianzo