![O concello de Carballo conta con quince novos colectores de vidro cunha imaxe moi estival]()
O concello de Carballo conta con quince novos colectores de vidro cunha imaxe moi estival
Un total de 85 locais espallados por todo o territorio municipal de Carballo, coa posibilidade de que se sigan sumando máis nos próximos días, participan nunha campaña posta en marcha por
Carballo Limpo e
Ecovidro que ten por obxectivo mellorar os índices de reciclaxe durante este verán; un período no que, segundo explica o delegado de Ecovidro, Germán Fernández, a hostalería xera un tercio do vidro que se produce en todo o ano.
Carballo é un dos catro únicos concellos galegos, xunto con Sada, Oleiros e Miño, no que se puxo en marcha esta iniciativa, que consiste no desenvolvemento dunha campaña co subministro de quince novos colectores para a recollida de vidro - cunha imaxe divertida propia do verán - e
na que se premia aos locais hostaleiros que máis reciclen.
Os locais hostaleiros participantes contarán cun
colector especial no que depositar o vidro que, grazas a un sistema adaptado especialmente para este fin, facilita moito o proceso de reciclaxe, automatizando o baleirado, de tal forma que, como explica o concelleiro de Obras e Servizos carballés, Luís Lamas, "resulta máis fácil reciclar que non facelo".
Campaña de concienciación
Ademais do subministro dos colectores, a campaña implica a presenza de persoal de campo para a información e concienciación dos usuarios e usuarias, e movilizarase aos profesionais hostaleiros e á cidadanía coa
campaña "Toma nota, recicla vidro". Só por participar, os bares e locais entran no sorteo de 90
packs de experiencia; e os que máis reciclen, poderán gañar un cruceiro polo Mar Caribe para dúas persoas. Ademais, tamén os clientes teñen premio, xa que poden gañar un plan
gourmet para dúas persoas se votan polo seu establecemento favorito en
"Toma nota, recicla vidro".
As localidades que superen os datos de recollida respecto do mesmo período do ano anterior, tamén contarán con galardón. Germán Fernández quixo subliñar que precisamente Ecovidro ten decidido poñer en marcha o proxecto en Carballo, de entre outros moitos municipios, pola colaboración continua existente entre Ecovidro e o concello e "polas boas prácticas habituais de Carballo en materia de medio ambiente". Pódense consultar os datos de recollida selectiva por municipios na web
"Toma nota, recicla vidro".
Máis de 17 quilos por habitante
Respecto aos datos de recollida de vidro en Carballo, segundo os últimos datos relativos a 2015, os veciños e veciñas reciclaron un total de 556.760 quilos de vidro, o que supón que cada habitante reciclou de media 17,8 quilos nun ano. Este dato supera a media galega, situada en 14,6, e tamén a española, situada en 15,4. Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como Luís Lamas subliñan que a progresiva incorporación de colectores adaptados para os locais hostaleiros, que xeran a maioría dos residuos, ten contribuído notablemente a mellorar os datos.
En canto á taxa de colectores, Carballo situase cunha media de 108 habitantes por colector, contando na actualidade cun total de 289 iglúes para os residuos de envases de vidro instalados. Ferrero quixo agradecerlle a Ecovidro que teña en conta a Carballo para esta campaña e asegura que o Concello continuará traballando nesta "boa senda de compromiso co medio ambiente".
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo