“Talento Quilómetro Cero”: Carballo conseguen 350.000€ da UE para divulgación científica
O Concello de Carballo acada financiamento europeo para desenvolver o proxecto “Talento Quilómetro Cero (TALK0)”, unha iniciativa de divulgación científica que contará con arredor de 350.000 euros e que situará ao municipio como referente na conexión entre ciencia, empresa e sociedade.
O programa comezará a implantarse previsiblemente a partir do mes de xuño, e desenvolverase durante os próximos 24 meses cun amplo calendario de actividades abertas á cidadanía.
O proxecto foi seleccionado no marco do programa europeo vinculado ás accións Marie Skłodowska-Curie, destinadas a fomentar a educación científica e a participación cidadá na investigación, especialmente a través da Noite Europea das Persoas Investigadoras.
A proposta presentada por Carballo acadou a máxima puntuación posible (15 sobre 15) nun proceso no que competían 241 candidaturas de toda Europa, un resultado que evidencia a calidade e o potencial da iniciativa.
Durante a presentación pública do proxecto, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou o valor da colaboración entre institucións e empresas para impulsar o coñecemento e a innovación no territorio. “Sabemos o importante que é a colaboración entre administración pública, empresa privada, universidades e a propia sociedade, porque ese é o camiño para construír futuro”, sinalou.
O concelleiro de Innovación, Formación, Emprego, Axenda Urbana e Fondos Europeos, Iván Andrade, explicou que a iniciativa pretende visibilizar o potencial científico e innovador existente no municipio. “Queremos poñer en valor o talento quilómetro cero, non só o talento investigador, senón tamén o talento que hai nas empresas de Carballo”.
Os socios do Concello de Carballo neste proxecto son a Universidade da Coruña e a Academia Joven de España, e como asociados figuran a empresa Nauterra (Grupo Calvo) e a asociación empresarial Axober, que colaborarán na organización das diferentes actividades.
A investigadora Verónica Bolón, representante da Universidade da Coruña e da Academia Joven de España, explicou que o proxecto permitirá achegar a ciencia á cidadanía e tratar cuestións que afectan directamente á sociedade. “Queremos levar a ciencia a todo o territorio e tamén ás escolas, para que o alumnado coñeza de primeira man quen son as persoas investigadoras e como o seu traballo inflúe na nosa vida diaria”.
Entre as actividades previstas inclúese a organización da Noite Europea das Persoas Investigadoras, así como múltiples accións de divulgación ao longo do ano. Investigadores e investigadoras visitarán tamén os 12 centros educativos do concello, onde impartirán charlas, talleres e retos científicos dirixidos ao alumnado.
Desde Axober, o seu presidente, Diego Iglesias, destacou a importancia de participar nun proxecto que permitirá conectar investigación, empresa e territorio, visibilizando tamén a capacidade innovadora das empresas locais.