![Varios membros da Anpa do Raiante asistiron ao pleno celebrado onte en Carballo]()
Varios membros da Anpa do Raiante asistiron ao pleno celebrado onte en Carballo
Despois de
varios meses de loita, os membros da
Anpa Raiando CEIP Gándara-Sofán chegaron coa súa reivindicación ata sesión plenaria de carácter odinaria que tivo lugar onte no concello de Carballo. Así, durante a intervención duns dez minutos de duración, defenderon o seu dereito a votar a implantación da
xornada única no seu centro escolar.
Dende que comezou o 2016, esta asociación de nais e pais xa levaron a cabo varias accións para darlle visibilidade á súa demanda. Entre elas destaca unha
folga do alumnado, a
recollida de sinaturas, charlas informativas e unha
entrevista co xefe territorial de educación, Indalecio Cabana, á que tamén asistiu o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
Ampliación zona azul
Durante o pleno de onte, tamén saíu adiante, co apoio do goberno, de PP e PSOE e a abstención de TEGA a aprobación inicial da
ampliación do aparcamento regulado con Zona Azul no centro carballés, o que suporá a implantación dunha sétima fase con
69 novas prazas. Estarían distribuídas da seguinte forma: cinco novas prazas na marxe dereita da rúa Concepción Arenal; tres prazas na marxe dereita da rúa Gran Vía, entre os números 4 e 8; seis prazas na marxe dereita da rúa Vitoria; trece novas prazas na marxe esquerda da rúa Gravador Manuel Facal; catorce prazas na marxe dereira da rúa Carballo Calero entre a piscina municipal e o CEIP Bergantiños; 20 novas prazas na rúa Eduardo Pondal, tamén na contorna da piscina e do colexio Bergantiños; e por último, oito novas prazas entre os números 16 e 18 da rúa Perú, fronte ao bar Mai Tai.
O principal motivo que a Policía Local sinala para ampliar a Zona Azul é a presenza de "vehículos ventosa" que están dende primeira hora da mañá ocupando os estacionamentos, o que prexudica a comercios, veciñanza e visitantes. Así mesmo, dende a Policía Local tamén se subliña a necesidade de implantar a Zona Azul na contorna do colexio Bergantiños para favorecer o
plan de Mobilidade do concello, xa que as prazas estarán situadas nunha zona na que hai unha piscina, un pavillón deportivo e un centro de ensino, con constante tráfico de vehículos e peóns.
A sesión tamén supuxo luz verde, aínda que neste caso só cos votos do BNG e a abstención de todos os concelleiros restantes, para un
Recoñecemento extraxudicial de crédito, o primeiro dos dous que están previstos neste 2016 para recoñecer obrigas do exercicio anterior. Este primeiro recolle facturas presentadas en 2015 que por diferentes motivos non puideron pagarse antes de final de ano, e ten un importe de 64.260,55 euros. O seguinte está previsto para o mes de febreiro, neste caso para recoñecer facturas entregadas en 2016 que se emitiron en 2015 ou con albaráns de 2015. A porcentaxe do recoñecemento respecto da cifra total do orzamento de Carballo é dun 0,26. Durante o pleno tamén saíron adiante asuntos de trámite como a dación de conta da designación de novos membros do grupo municipal do Partido Popular nas comisións informativas e demais órganos colexiados do concello de Carballo.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo