Xoves. 25.04.2024
El tiempo

50 familias da Laracha xa teñen os seus composteiros

Adxudicado a COGAMI o novo contrato de recollida de residuos sólidos urbanos
Acto entrega composteiros na Laracha
Acto de entrega dos composteiros na Laracha
50 familias da Laracha xa teñen os seus composteiros

A Casa da Cultura acolleu este mércores o acto de entrega dos composteiros domésticos que o Concello, coa colaboración da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), puxo de xeito gratuíto a disposición das persoas residentes no rural. 50 familias acodiron á sesión informativa, para aprender a realizar a reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio particular pode utilizar no seu xardín, horta ou terras de cultivo, substituíndo aos fertilizantes artificiais.

Unha iniciativa que permite reducir o impacto ambiental ao tempo que reduce os custes da recollida de lixo.

O programa de compostaxe doméstica está aberto á veciñanza que queira, que poden solicitar o seu composteiro no rexistro do Concello ou a través da sede electrónica municipal.

Adxudicación do servizo de recollida

A Xunta de Goberno Local adxudicou o novo contrato, de 4 anos a razón de case 300.000€, de recollida de residuos sólidos urbanos a Cogami Reciclado de Galicia S.L. O novo contrato inclúe a recollida e transporte á planta de Sogama dos colectores verdes (xenérico), amarelos (envases lixeiros) e marróns (novos recipientes de orgánicos), contemplándose melloras na prestación do servizo con respecto á xestión anterior.

A principal mellora consistirá no incremento da cobertura de colectores amarelos, xa que se pasará dos 280 actuais ata os 500. Isto posibilitará implantar o servizo nos núcleos de poboación máis importantes da totalidade das parroquias do termo municipal. A frecuencia da recollida deste contedor tamén aumentará ao realizarse dúas veces por semana nos núcleos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión) e unha vez por semana na zona rural.

Novas relacionadas

Comentarios