Xoves. 28.03.2024
El tiempo

#8M: (R)Evoluciona Laracha

  • A corporación ao completo presenta a súa declaración institucional
8M Laracha 2022
#8M: (R)Evoluciona Laracha

(R)evoluciona A Laracha é o lema do programa municipal de actividades que o Concello organizará para conmemorar o Día Internacional das Mulleres que se celebra o martes 8 de marzo.

Nesa propia data haberá unha dobre proposta no centro sociocultural de Santa Margarida de Montemaior (antigo Hospital dos Peregrinos). Ás 18:30 presentarase o vídeo-documental Mulleres que (R)evolucionan A Laracha, producido polo Concello e no que mulleres representativas de diversos sectores profesionais, artísticos e sociais (emprendedoras, escritoras, músicas, deportistas, mulleres rurais, traballadoras en profesións masculinizadas, etc.) expoñen a súa historia para que sirva de inspiración á cidadanía larachesa.

Trala proxección do vídeo comezará o monólogo Marcho que teño que marchar, unha divertida sesión de contos, pero tamén un momento para a reflexión sobre os roles establecidos, a igualdade e a perspectiva de xénero a cargo da actriz Bea Campos.

O programa pecharase o sábado 12 de marzo coa obra de teatro Valente e rebelde, a cargo de Trémola Teatro e dirixida ao público infantil (a partir de 3 anos de idade) e familiar. Será na Casa da Cultura da Laracha a partir das 17:00 horas.

Declaración institucional

Con motivo do Día Internacional das Mulleres, que se conmemora o próximo 8 de marzo de 2022, a Organización das Nacións Unidas escolleu o lema a “Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible” co obxectivo de recoñecer a contribución das mulleres e das nenas de todo o mundo, que están liderando os esforzos ante o cambio climático para construír un futuro máis sostible.

Consideramos necesario asegurar o benestar integral de todas as mulleres e avanzar noutras políticas de cohesión social e dinamización demográfica a través de medidas favorecedoras da plena igualdade e con perspectiva de xénero como reto irrenunciable.

No benestar das persoas conflúen unha serie de variables que operan de xeito interrelacionado. Por iso, como establece a Organización Mundial da Saúde (OMS), a saúde debe abordarse desde un enfoque integral que considere os factores biolóxicos pero tamén os factores sociais e psicolóxicos. E neste sentido, o xénero constitúe un factor determinante en tanto que o benestar e a calidade de vida das persoas se ven determinados polas distintas posicións, roles sociais, dereitos, etc.

Para seguir contribuíndo a unha mellor calidade de vida das mulleres galegas, unha das prioridades de actuación será o fomento de estilos de vida saudables e do autocoidado para o benestar integral, facendo especial fincapé na atención das mulleres maiores, facilitándolles ademais oportunidades de envellecemento activo.

Doutra banda, debemos consolidar os recursos de atención ás mulleres, tanto para a atención aos problemas de saúde prevalentes na poboación feminina, como aqueles asociados aos dereitos relacionados coa saúde sexual e reprodutiva e coa maternidade.

A provisión destes recursos, ademais do factor xénero, deben ter en conta a diversidade e as necesidades específicas dalgunhas delas, como as mulleres maiores, as mulleres con discapacidade, as mulleres inmigrantes, etc., de xeito que os servizos e a información se adapten a cada particularidade.

Así, as Administracións públicas debemos seguir desenvolvendo políticas específicas dirixidas a mulleres en situación de dificultade ou especial vulnerabilidade. Sempre tendo en conta que o enfoque de xénero é transversal a outros moitos ámbitos, como o ambiental, de maneira que se fomenten os programas medioambientais nos que se poña en valor o papel das mulleres na conservación do medio e na xestión dos recursos autóctonos.

Para acabar con todas as brechas de xénero que se identifican en numerosos informes internacionais debe haber unha resposta de continuidade a través da organización de campañas de concienciación social e doutras actividades de sensibilización en favor da igualdade real e efectiva de mulleres e homes en todos os ámbitos.

E para iso é fundamental que exista un compromiso rotundo dos partidos políticos, das organizacións sindicais, das administracións e institucións e de todas asociacións en xeral, que abarque actuacións coordinadas e proactivas neste senso, desde a mocidade ata as persoas de maior idade.

Procuremos unha sociedade na que impere o modelo coeducativo enfocado á ruptura dos estereotipos de xénero así como valores como o respecto á igualdade e á diversidade. É o momento de sumar esforzos e seguir traballando conxuntamente para conseguir que a igualdade sexa unha realidade instaurada nos 365 días do ano.

A Laracha, 7 de marzo de 2022

Asinado por:

  • Grupo Municipal do Partido Popular (PP).
  • Grupo Municipal do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE).
  • Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Máis novas do #8M

Comentarios