Acondicionando a praia e o paseo de Caión
A praia de Caión e o seu entorno están a ser obxecto dunha completa intervención por parte do Concello da Laracha co propósito de que estean nas máis óptimas condicións de cara á Semana Santa.
A brigada do servizo de limpeza viaria, utilizou medios mecánicos para acometer o cribado en toda a superficie e a nivelación de area nos puntos que así o requirían debido ao arrastre provocado nos últimos meses pola forza das mareas. Ao mesmo tempo, unha cuadrilla encárgase da recollida de lixo por medios manuais. Ademais, un dos aseos da praia foi aberto ao público para o seu uso.
Así mesmo, o Concello ten na última fase de execución a primeira fase do proxecto de renovación e mellora dos elementos de protección dun tramo do paseo marítimo de Caión, actuación que afecta ao sector do Sendeiro de Saldoiro que comunica a Praza Eduardo Vila Fano co acceso principal á praia das Salseiras.
A iniciativa pretende a posta en valor da fachada marítima da vila cunha intervención que procura o múltiplo obxectivo de mellorar a accesibilidade e a seguridade e, ao mesmo tempo, embelecer e revitalizar o espazo como destino turístico. A obta consta de 88.000€.
Remanente
Noutra orde de cousas, o goberno local elevará á próxima sesión ordinaria do Pleno -que se celebrará xoves 4 de abril- a proposta de aprobación dun suplemento de crédito e dun crédito extraordinario que posibilitaría incorporar aos orzamentos municipais un total de 1.364.175,62 euros para diversos fins de interese xeral para a cidadanía larachesa co remanente líquido de tesourería para gastos xerais como fonte de financiamento.