luns. 03.08.2026
El tiempo

Enfrontamento político en Malpica ante a non celebración das Festas do Mar

Festas-do-Mar-Malpica-Foto-Camiñodosfaros
Imaxe dos fogos de artificio nunhas Festas do Mar. Foto-Camiñodosfaros
Enfrontamento político en Malpica ante a non celebración das Festas do Mar

O PSdeG de Malpica lamenta a segunda cancelación das festas do mar en tres anos baixo o goberno do PP
Os socialistas consideran que a suspensión desta celebración "evidencia a falta de planificación e de capacidade de xestión do goberno municipal"

Tras a cancelación de 2024, neste 2026 tampouco haberá Festas do Mar de Malpica, como o confirmou o alcalde no pleno deste pasado xoves. Segundo explicou Eduardo Parga, a entidade que colaboraba na organización das festas comunicou con pouca antelación que este ano non podía asumir esa responsabilidade, polo que o goberno municipal asegura que xa non dispón de tempo suficiente para organizar as Festas e optará por substituílas por dúas sesións vermú.

Unha situación que volven enfrontar aos dous grupos políticos da vila.

O PSOE quere expresa a súa preocupación pola situación, lamentando "a perda dun evento que, aseguran, forma parte da identidade de Malpica e que durante décadas foi un referente tanto para a veciñanza como para os milleiros de persoas que cada verán visitan o municipio". Dende o PSdeG consideran, porén, que "un goberno non pode converter en costume escudarse en que a responsabilidade é sempre doutros". Os socialistas defenden que un Concello non pode depender exclusivamente da dispoñibilidade dunha asociación para garantir a celebración dun evento desta importancia.
"As Festas do Mar son moito máis ca un programa de actividades. Son un punto de encontro para a veciñanza, un impulso para a hostalaría, o comercio local e o turismo e, sobre todo, forman parte do sentimento colectivo de Malpica", destaca o grupo da oposición, que lembra que xa se perderon iniciativas como "o Nordestazo Rock, a tradicional Procesión de Semana Santa ou a subvención da Deputación para a Mostra da Olería, dotada con 100.000 euros".
 

A resposta do PP 

Rápida resposta do PP. O grupo de goberno entende que "O Concello non pode nin debe substituír ás comisións de festas. O seu papel é colaborar, apoiar e facilitar a celebración das distintas festas do municipio". 

Por iso lembran que "o Concello segue colaborando activamente na súa celebración. O goberno municipal mantén a Banda de Música e financia xunto coa Confraría de Pescadores a pólvora da procesión e os grupos musicais para amenizar as sesións vermú do venres, sábado e domingo. Ademáis, o Concello levou as cabo xa fai meses a tramitación con Portos de Galicia para obter as autorización de ocupación das instalacións portuarias para as festas, facendo fronte tamén aos custos que eses permisos suponen. Esa é a realidade que o PSOE intenta esconder porque non encaixa no seu discurso", apuntan.

Acusan aos socialistas de "dobre moral. Agora esixen que o Concello organice directamente as festas, pero cando este goberno impulsou actividades desde a administración municipal foron os primeiros en criticar, acusándonos de despilfarrar os cartos públicos".

Comentarios