Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A ampliación do punto limpo da Laracha está cada vez máis cerca

O Concello aprobou o expediente de expropiación dos terreos afectados Imaxe: Aspaber
A ampliación do punto limpo da Laracha está cada vez máis cerca

A sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local do Concello, celebrada onte, aprobou con carácter inicial o expediente de expropiación dos terreos afectados pola ampliación do punto limpo da Laracha. Trátase dunha única parcela catastral dunha superficie de 5.096 metros cadrados.


A dispoñibilidade deses terreos é condición necesaria para a futura execución do proxecto dirixido a aumentar os espazos do punto limpo, o que permitirá mellorar e incrementar os servizos que se ofrecen nesa instalación de titularidade municipal situada xunto á ponte do Formigueiro. Tamén se acordou concorrer á convocatoria de axudas do Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinadas a accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais. O Concello pretender levar a cabo un proxecto de planificación estratéxica de mobilidade urbana sostible (PMUS), plan que se configuraría como o instrumento principal de coordinación, concienciación e sensibilización para a cidadanía, administracións públicas e todos os axentes implicados na mobilidade municipal.

O PMUS analizaría e reflexionaría sobre o modo no que se desprazan as persoas e as mercadorías no termo municipal da Laracha, permitindo determinar que medidas se considera necesario implantar para conseguir formas de transporte máis sostibles e seguras que, ao mesmo tempo, fagan compatible o crecemento económico, a cohesión social e a defensa do medio ambiente. 

Comentarios