Aprobada, por 1,6 millóns de euros, a rehabilitación integral da Casa do Concello da Laracha

Na última sesión da Xunta de Goberno Local foi adxudicada a Proyecon Galicia S.A. a execución do proxecto de rehabilitación integral da Casa do Concello, unha ambiciosa iniciativa coa que se modernizará a sede administrativa municipal adaptándoa ás necesidades actuais en canto a espazos, accesibilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética.
O orzamento máximo de licitación alcanzaba os 1.761.000 euros, que se reduciron nun 11,5 % no prezo de adxudicación, xa que a oferta económica foi de 1.559.550,85 euros. Para o seu cofinanciamento xa se conta cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública. O Concello tamén ten solicitada a colaboración doutras administracións que no momento actual están pendentes de resolución.
A previsión do Concello é que, unha vez completado o procedemento de formalización do contrato, as obras se inicien a principios do mes de xullo. Durante o tempo de execución dos traballos a Casa Consistorial non poderá acoller ningún tipo de actividade administrativa, polo que os diferentes departamentos serán trasladados temporalmente a outros edificios e instalacións municipais -que se comunicarán en próximas datas- para continuar prestando atención presencial á cidadanía.
Aínda que a Casa do Concello vai ser totalmente renovada tanto no interior como no aspecto exterior, a reforma conservará a estrutura e a envolvente do actual edificio co propósito de xerar o menor número de residuos posible para favorecer a sustentabilidade da intervención. Os ocos da fachada serán modificados e a cuberta será obxecto dun novo acabado para ampliar os espazos e dar resposta ás novas necesidades. O interior reformarse na súa totalidade unificando acabados e instalacións. Tamén se reforzará o illamento térmico e será instalada unha barreira anti radón.
A nova edificación levará consigo unha reestruturación dos espazos para ofrecer unha mellor e máis eficiente atención á cidadanía. A planta baixa albergará o Rexistro Xeral e tamén as novas dependencias do Xulgado de Paz. O primeiro e o segundo andar acollerán os despachos e as zonas de traballo dos diferentes departamentos municipais (Alcaldía, Concellerías, Secretaría, Intervención, Tesourería, Administración, Urbanismo, Cultura, Deportes, Xuventude, Comunicación, etc.). E, como unha das novidades principais, na nova planta ático será creado un Salón de Plenos que funcionará, á súa vez, como espazo para o desenvolvemento de actos oficiais municipais, tales como as recepcións no Concello ou celebración de enlaces matrimoniais.
Os materiais e sistemas seleccionados para a construción dos novos volumes a edificar e os acabados responden ás necesidades de xestión medioambiental sustentables e de aproveitamento de recursos de Galicia que permita relacións co tecido económico, social e empresarial da comunidade. Empregarase madeira de bosques con declaración ambiental de produto e xestionados de maneira sustentable.
Cabe lembrar que o proxecto, redactado por Ezcurra e Ouzande Arquitectura S.L.P., fora a opción escollida entre as candidaturas que concorreran para ser seleccionadas polo Comité de Expertos nomeado polo Concello e formado por técnicos especializados das principais administracións (Demarcación da Costas de Galicia, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello da Coruña) e representantes do tecido asociativo e deportivo municipal (Asociación Cultural Santa María de Torás e Unión Deportiva Paiosaco). Tamén se promovera a participación cidadá mediante unha consulta popular coa fin de recoller ideas e opinións que mellorasen dito proxecto.
A Casa do Concello da Laracha construíuse no ano 1974 e en 1989 foi obxecto da reforma coa que se aumentou o segundo andar e os espazos do baixo cuberta. Agora, máis de medio século despois da inauguración, o edificio será obxecto desta rehabilitación integral que adecúe as instalacións para modernizalas, amplialas, facelas máis eficientes e operativas e integralas mellor na Praza do Concello