Así son os 11 millóns de euros dos Orzamentos da Laracha para 2024
O goberno popular do Concello da Laracha vai presentar hoxe martes en Comisión Informativa á corporación as cifras dos Orzamentos municipais para 2024. Uns presupostos que rozarán os 11 millóns de euros, cun incremento do 11,37 % respecto ao ano anterior, sendo os máis altos da historia. O documento será presentado ao Pleno extraordinario do venres da semana que vén, día 29 de decembro.
O Concello explica que o aumento fundaméntase, principalmente, na previsión de maior participación nos ingresos do Estado e en programas de axudas doutras administracións para o financiamento de actuacións de mellora de infraestruturas municipais e programas de promoción do emprego, entre outras iniciativas.
As cifras
O capítulo máis destacado é o de gastos correntes en bens e servizos, que supera os 6 millóns de euros e supón o 55 % do total dos orzamentos. Neste apartado inclúense os custes de servizos municipais básicos -entre eles, mantementos, limpeza e iluminación pública-, contemplándose as estimacións da revisión á alza que implica o incremento do prezo das fontes enerxéticas.
Outros programas incluídos nesta área son os culturais e deportivos, garantindo por tanto a ampla oferta para todos os públicos, tanto de eventos como de actividades, que se leva a cabo ao longo de todo o ano baixo a organización directa do Concello. Do mesmo xeito, tamén se mantén o apoio económico ao tecido asociativo municipal.
Ao capítulo de investimentos destinaranse máis de 1,3 millóns de euros, o 12,13 % do total. Entre os proxectos de mellora das infraestruturas públicas que se levarán a cabo en 2024 destacan actuacións relacionadas coa sustentabilidade e cunha máis óptima xestión dos residuos, consistentes na instalación de placas fotovoltaicas para o autoconsumo eléctrico de edificios municipais, a ampliación do punto limpo e a adquisición dun novo vehículo para a recollida de lixo.
Tamén quedan consignadas partidas orzamentarias para o Plan de conservación da rede viaria municipal e para a compra dun vehículo que estará a disposición do persoal adscrito ao departamento de Servizos Sociais. Ademais, no capítulo 7 (transferencias de capital) inclúense os máis de 108.000 euros da achega municipal para as obras de construción do novo depósito de auga e a mellora da estación potabilizadora de Gabenlle.
Outros investimentos para o 2024 son a rehabilitación integral da Casa do Concello, a reforma da casa reitoral de Montemaior e a mellora dun tramo do paseo marítimo de Caión.
Precisamente para posibilitar o impulso ao capítulo de investimentos sen minorar outras partidas orzamentarias, está prevista en 2024 unha operación de crédito por un importe de 600.000 euros. No momento actual o Concello non ten en vigor ningún préstamo con entidades financeiras.
Outro apartado cun notable peso específico nos orzamentos municipais será a protección social, a promoción do emprego e o apoio ao sector comercial, recollendo nel o mantemento de todos os equipamentos adscritos aos servizos sociais (escola infantil, centro de día e fogar residencial, centros sociais), programas como o servizo de axuda no fogar e o Harmoniza para facilitar a conciliación, actividades para a promoción da igualdade, o fondo de emerxencia social, a achega municipal para o Plan de Transporte Metropolitano e o financiamento de iniciativas dirixidas a mellorar as competencias profesionais dos cidadáns para facilitarlles a inserción no mercado laboral.
Tamén se renovará o compromiso cos estudantes e as súas familias a través das bolsas municipais.
E no capítulo de persoal prevese o incremento do 2 % das retribucións actuais de acordo co previsto no Acordo Marco cos sindicatos para o período 2022-2024.