Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Caión volve acoller o programa Teatro con Salitre

Teatro Con Salitre Caion 2023
Caión volve acoller o programa Teatro con Salitre

Caión volverá desfrutar durante o mes de marzo do seu ciclo de teatro co que o Concello pretende achegar as artes escénicas á vila costeira. Un motivo para encher o centro sociocomunitario, seguindo a liña doutros programas como os Venres Teatrais do mes de novembro e ou a Primavera Teatral de abril en Paiosaco.

Esta segunda edición do programa Teatro con salitre constará de tres funcións a celebrar os venres 3, 10 e 17 de marzo no centro sociocomunitario de Caión, todas elas a partir das 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta, e dirixidas ao público xuvenil e adulto (a partir de 13 anos de idade).

A compañía Fantoches Baj abrirá o pano o venres 3 de marzo con Auga que non vas beber, un recital satírico onde salientan diversas cantigas populares, cantos e contos que remiten sempre a unha memoria colectiva de transmisión oral compartida en toda a península Ibérica e que o autor enlaza para contar aventuras e desventuras amorosas. Esta peza teatral foi a gañadora do premio AGADIC de textos para monicreques para adultos. A posta en escena está inspirada na figura teatral do cego con monifates, moi presente na Galicia do século XIX. Auga que non vas beber, protagonizada por Almudena Vidal e Inacio Vilariño, é unha comedia musical vivaz na que a participación do público, a modo do teatro de rúa, é fundamental.

O venres 10 será a quenda para DEP, unha comedia de morte, da compañía Malasombra Producións. Xoque Carbajal, Jouse García e Patricia Rodríguez, baixo a dirección de Marcos Orsi, protagonizan este divertido espectáculo no que dous irmáns pretenden dar un empurronciño á súa nai para solucionar coa herdanza os seus problemas económicos.

O ciclo pecharase o venres 17 con Pelos na lingua, o divertido espectáculo-collage de Talía Teatro que fala en clave positiva da situación actual da lingua galega. A obra está protagonizada por Toño Casais, Artur Trillo e María Ordóñez.

Do mesmo xeito que na Laracha cos Venres Teatrais do mes de novembro e en Paiosaco coa Primavera Teatral de abril, o Concello pretende consolidar o programa Teatro con Salitre de Caión agora que a dispoñibilidade do centro sociocomunitario permite a organización na vila deste tipo de iniciativas culturais ao contar cos espazos e equipamentos necesarios.

Comentarios