Sábado. 06.06.2020
El tiempo

O concello da Laracha continúa humanizando o casco urbano cun novo proxecto que afectará á rúa David Mallo e o seu entorno

Imaxe da Rúa Médico David Mallo Gómez.
Imaxe da Rúa Médico David Mallo Gómez.
O concello da Laracha continúa humanizando o casco urbano cun novo proxecto que afectará á rúa David Mallo e o seu entorno

O goberno local da Laracha continúa evidenciando a súa decidida aposta por humanizar rúas nos tres cascos urbanos do municipio cos obxectivos de facelas máis accesibles para os peóns, dotalas con mellores servizos, renovar o pavimento e reordenar o tráfico reforzando a seguridade viaria e a comodidade dos condutores.O novo proxecto, no que o procedemento de contratación está xa na súa fase final, afecta a dous céntricos puntos do casco urbano da capital municipal e está valorado en preto de 122.000 euros.

A obra principal farase nas rúas Médico David Mallo Gómez, Enrique Muiño (anteriormente, 1ª Travesía Médico David Mallo Gómez) e Uruguai. A rúa Médico David Mallo Gómez nace fronte o punto de atención continuada (PAC) e comunica as rúa Santa Lucía e Arxentina. As rúas Enrique Muiño e Uruguai son perpendiculares á rúa Médico David Mallo Gómez e carecen de saída pola parte traseira. A intervención proxectada consiste na ampliación das beirarrúas para priorizar o tránsito peonil en condicións de seguridade e accesibilidade universal, o establecemento do sentido único de circulación dos vehículos, a renovación do pavimento da calzada -incluíndo os espazos de aparcamento gratuíto- e a correspondente sinalización horizontal e vertical. Ademais, serán melloradas as redes de saneamento e de recollida de pluviais e realizarase a canalización soterrada para o servizo de iluminación pública.

A outra actuación realizarase nun tramo da Avenida Fisterra, na marxe esquerda e á altura do cruce coa rúa da Coruña, onde será ampliada a beirarrúa aproveitando un terreo baldío existente no lugar.

Así o Concello dará continuidade a outras actuacións de humanización executadas nos últimos anos en rúas céntricas da Laracha, facendo máis accesibles estas zonas residenciais e beneficiando tanto á veciñanza como aos establecementos comerciais.

comentarios