Concello e SEA explican o proceso de ampliación do Polígono da Laracha aos propietarios de parcelas afectadas
Este pasado martes tivo lugar unha importante reunión informativa na Casa da Cultura da Laracha cos propietarios cuxas parcelas están incluídas no ámbito da ampliación do Polígono, co obxectivo de aclarar de forma directa en que punto se atopa a tramitación e cales serán os seguintes pasos.
Actualmente, a ampliación atópase na fase de ordenación do territorio, a través do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial, que define como se organizará o ámbito, que parcelas están incluídas e recolle unha estimación orientativa do custo da actuación e do valor do solo afectado.
Dende o Concello lembran que "o Plan está en fase de información pública e que o prazo para presentar alegacións está aberto ata o 10 de marzo de 2026". Durante este período, os veciños poden presentar todas as alegacións que consideren oportunas sobre as súas parcelas ou calquera aspecto do documento.
Os responsables explicaron tamén que a valoración económica incluída nesta fase é só estimativa e non vinculante. A actuación suporá un investimento total de 16,63 millóns de euros, financiada integramente por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), entidade dependente do Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana. Actuarase sobre unha superficie de 338.629 metros cadrados, o que permitirá que o polígono supere o millón de metros cadrados. A ampliación construirase nunha única fase en terreos próximos ao actual parque, entre os lugares da Torre, Samiráns, O Campo da Porta e A Xesteira, e contará con novas infraestruturas e servizos.
A valoración definitiva do solo e dos bens realizarase máis adiante, dentro do proxecto de expropiación, que tamén se someterá a información pública. Nese momento, os propietarios poderán presentar alegacións se non están de acordo coa valoración.
Unha vez aprobado o Plan Estruturante, comezará a fase de xestión urbanística, que incluirá a redacción e tramitación do proxecto de urbanización, así como os documentos de expropiación e reparcelación. Esta etapa podería desenvolverse a inicios de 2027.
O alcalde lembrou que o Concello dispón dun punto de información catastral para axudar aos veciños a identificar as súas parcelas. Tamén animouse a revisar a documentación e a aproveitar o prazo de alegacións para plantexar cuestións relacionadas coa titularidade, a superficie, os accesos –garantíndose que ningunha parcela quedará sen eles– ou calquera outro aspecto que consideren necesario aclarar.
Por outra banda, desde SEA informouse de que os veciños poden poñerse en contacto con esta entidade a través do teléfono 981 575 469 ou do correo electrónico registrosea@seasuelo.com para resolver calquera dúbida. A xerente de SEA, Beatriz Sestayo, incidiu en que todas as consultas serán atendidas e aclaradas polos responsables de SEA.
Sestayo lembrou tamén que o parque empresarial da Laracha será un dos máis importantes de Galicia. Explicou que a ampliación, prevista en terreos colindantes ao actual polígono, ocupa a mellor ubicación posible, xa que o desenvolvemento dunha zona contigua favorecerá a chegada de novas empresas e reforzará o atractivo do parque. Ademais, sinalou que actuar sobre estes terreos permitirá manter estables os prezos de comercialización das futuras parcelas, o que atraerá a máis compañías e contribuirá a impulsar a creación de emprego na localidade.
Finalmente, tanto o alcalde como a xerente de SEA comprometéronse a manter novas reunións cos veciños para garantir que dispoñan de toda a información e do acompañamento necesario durante todo o proceso.



