A ampliación do Polígono da Laracha inicia a súa tramitación defintiva
Hai xusto un ano que o Concello e Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) presentaban o proxecto para a ampliación do Polígono Empresarial da Laracha.
Xa van anos dende que se formula a necesidade de amplialo (a alta ocupación supera o 80% dende o 2022), e onte, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o anuncio da Consellería de Economía e Industria polo que se acorda a aprobación inicial e a apertura do trámite de información pública do Plan estruturante de ordenación para a ampliación do parque empresarial da Laracha, o paso definitivo para facer realidade o crecemento industrial.
Este novo avance administrativo dá continuidade ao proceso iniciado coa modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, aprobada definitivamente en xaneiro de 2024, que incorporou expresamente a ampliación do polígono industrial da Laracha como actuación estratéxica. A nova fase publicada hoxe no DOG supón entrar xa na ordenación concreta dos terreos nos que se desenvolverá a ampliación. O investimento situarase en torno aos 16 millóns de euros
O incremento proxectado permitirá ampliar o parque empresarial nunha superficie de 338.629 metros cadrados -dos cales máis de 200.000 metros cadrados son para parcelas de uso lucrativo- nunha área contigua á actual zona industrial polo seu linde norte. Trátase de terreos de topografía chan e uso rústico, unha circunstancia que facilitará a execución da urbanización e o aproveitamento das infraestruturas existentes, en particular da estrada norte do propio polígono que actuará como vía de acceso e soporte dos servizos da futura ampliación. Así, a superficie total da área industrial superará o 1 millón de metros cadrados.
A ampliación do parque empresarial será fundamental para reforzar a competitividade da Laracha como enclave industrial, mellorar a súa capacidade de atracción de investimento produtivo e consolidar a creación de emprego estable e de calidade no termo municipal. Ao mesmo tempo, contribuirá a unha planificación ordenada do solo industrial a medio e longo prazo aliñada co desenvolvemento sostible do territorio.


