Luns. 29.04.2024
El tiempo

A escolarización d@s fill@s nad@s de partos múltiples chega á Valedora por un caso no CEIP Otero Pedrayo da Laracha

K e Y son xemelgos da Laracha
A escolarización d@s fill@s nad@s de partos múltiples chega á Valedora por un caso no CEIP Otero Pedrayo da Laracha

A escolarización de nen@s nados de partos múltiples, xemelgos, falsos xemelgos, trillizos, etc.. segue causando dificultades entre familias e centros de ensino. Se ben non hai evidencias científicas que recomenden que vaian na mesma aula ou en aulas separadas (Madrid é a primeira comunidade de decidiu recomendar escolarizal@s no mesmo grupo), @s especialistas recomendan tratar caso por caso, antepoñendo o consenso entre familia, docentes e servizo de orientación.

Así o recomenda tamén a Valedora de Pobo, que xa mediara nun caso acontecido en Ribadeo, no que finalmente se aceptara a reunificación dos xemelgos solicitada polas familias.

Unha Valedora do Pobo que tamén ven de recibir a petición dunha familia da Laracha, que ten os seus fillos, un neno e unha nena nados no mesmo parto, de 6 anos, escolarizados no CEIP Otero Pedrayo da Laracha.

A nai, cando os cativos se incorporaron ao centro, aceptou a proposta do mesmo de separalos, pensando que a dirección tería un criterio mellor que o seu, “por experiencia e coñecemento”. Pero a escolarización foise complicado e unha vez rematado o periodo infantil, “fun comprobando que a conviencia entre os pequenos deteriorouse dende a separación en diferentes aulas, así como a súa capacidade para asumir normas e límites”, explica a nai no escrito enviado á Valedora no que pide como lle propón a propia psicóloga infantil das crianzas, xuntalos nunha mesma aula para “contribuir á mellora da súa relación e do seu desenvolvemento”. “Eu como nai vexo que é mellor para todo, para a súa relación, para o aprendizaxe, para as súas relacións sociais”, explícanos a nai afectada que espera a mediación da Valedora.

Porque a dirección do centro, que prefire non manifestarse publicamente en temas que afectan directamente ao seu alumnado, non acepta a reunificación. Nun escrito á familia explican que o grupo de acompañemento escolar considera que é mellor a súa separación para o desenvolvemento do alumnado. Mentres Inspección Educativa da Xunta considera que non é un tema da súa competencia e que debe ser o centro o que decida.

“Reducir a evolución e adaptación psicolóxica dos meus fillos a un simple problema de organización do centro, coma se fosen cadeiras que se colocan nunha ou noutra orde nunha aula, desbotar por incompetente a miña decisión como nai, e negar o meu dereito a decidir aquilo que afecta de xeito determinante a K. e Y., é algo máis que un desacordo administrativo, é directamente pretender que un centro escolar ten sobre os meus fillos máis dereitos ca min, baseándose nunha idea preconcibida que non pode definirse máis que como un afán de non evolucionar no tratamento, cheo de prexuízos por outra parte, dos irmáns nados de partos múltiples”, sinala a nai no escrito.

Consenso coa familia ate a falta de criterio científico

A familia conta co apoio da Confederación de ANPAS Galegas. E o seu presidente Fernando Lacaci non ten pelos na lingua falando sobre o tema. “Hai un esquema preconcebido da separación fe que a separación dos fillos nados en partos múltiples é boa para potenciar a súa indivudaliade, a súa independencua… algo que se foi correndo como un mantra como que hai que beber 2 litros de auga ao día pero que a ninguén se lle ocorreu comprobar. E non se pode comprobar, porque toda a literatura que hai é que non se sabe nada, non hai evidencias científicas nin de que sexa bo ou sexa malo escolarizados xuntos ou separados, polo que o único que hai é que a conveniencia dependerá de cada caso”.

Nese sentido, Lacaci lembra que a “Valedora deixou claro que a educación correspóndelle aos pais. Se os pais, que son os coñecen aos nenos, deciden unha cousa ou outra, o colexio debe adaptarse, é dicir que o consenso do que fala a Valedora debe sustentarse na opinión da familia”.

Porén, para Lacaci, neste caso a familia, vendo que a separación non estaba facéndolle ben ás crianzas, “intentou buscar outra fórmula, pero se topou coa caverna. Os centros escolares, que viven no século XII, aínda non entraron nese debate, e segue separando xemelgos porque non pensan máis alá”, lamenta. Neste caso “baséanse na experiencia para xustiicar que é mellor para os nenos, pero esa experiencia non serve de nada, porque non teñen a experiencia contraria.

Comentarios