Incendian 4 contedores en Caión
Novo acto vandálico na Laracha. Nas últimas semanas, ademais dos roubos na área canina da capital municipal, en Caión xa se teñen rexistrado outros sucesos semellantes, como a queima doutro contedor de lixo, o roubo de dous amarres de colectores e a ruptura de varias balizas do alumeado público do paseo.
Desta volta, durante esta pasada madrugada de mércores a xoves, provocaron a queima de catro contedores de lixo (iglús de vidro e papel-cartón e colectores amarelos de envases e gris da fracción resto) situados na Avenida Méndez Núñez -baixada ao porto desde a praza Eduardo Vila Fano- e provocou importantes danos no cadro e transformador eléctricos existentes nas súas inmediacións.
Así, varios edificio de Caión sufriron o corte do subministro eléctrico durante a noite, que foi restablecido nesta mañá.
Tiveron que acodir os Bombeiros de Carballo arredor das 4:00h da madrugada, así como axentes da Garda Civil, para sufocar o incendio.
A Policía Local da Laracha xa iniciou unha investigación para tratar de dar cos responsables do sucedido, solicitando a colaboración cidadá co propósito de esclarecer os feitos.
Novas relacionadas
- 25-04-22: Volven roubar na área canina da Laracha.